Ribas de Sil remata as obras de mellora do acceso á captación de auga de Torbeo

O Concello de Ribas de Sil vén de rematar as obras de mellora do acceso á captación de auga de Torbeo, unha actuación que permite achegar os vehículos ata as proximidades das instalacións e facilita os traballos de conservación e mantemento.
Os traballos incluíron tamén intervencións na propia captación, coa instalación de novas arquetas e dun peche perimetral. Esta medida permite evitar o acceso de animais ao recinto e contribuír á protección das instalacións.
A actuación contou cun investimento total de 17.029,84 euros, financiado con cargo ao Plan Deputación da Deputación de Lugo.
Co remate dos traballos queda completada a actuación prevista para mellorar o acceso e as condicións da captación de auga de Torbeo.