Comezan en Ribas de Sil as obras para mellorar o acceso á captación de auga de Torbeo

RibeiraSacraXa
A actuación permitirá chegar en vehículo ata as inmediacións da captación e reforzará a súa protección con novas arquetas e un peche perimetral
melloras_torbeo_ribas_de_sil
2 Sep 2026

Comezaron os traballos da obra de mellora de acceso á captación de auga de Torbeo, unha intervención que ten como obxectivo facilitar o desprazamento en vehículo ata un punto moi próximo á captación de auga, o que permitirá axilizar os labores de conservación e mantemento das instalacións.

Alén da mellora do acceso, o proxecto contempla actuacións na propia captación, coa colocación de novas arquetas e a instalación dun peche perimetral que impedirá o acceso de animais ao recinto, contribuíndo así a preservar en mellores condicións o punto de captación.

O custo total desta actuación ascende a 17.029,84 euros, financiados con cargo ao Plan Deputación.

Esta obra vén sumarse a outras dúas intervencións levadas a cabo recentemente para reforzar o sistema de abastecemento de auga de Torbeo. Por unha banda, o peche perimetral do tanque de auga, executado polos propios veciños coa colaboración do Concello. Pola outra, a substitución da tubaxe que conecta a captación coa estación de filtros, obra realizada grazas a unha subvención concedida en 2025 pola Deputación de Lugo á Asociación de Veciños de Torbeo (AVETO).

Con estas tres actuacións búscase garantir un mellor funcionamento e unha maior durabilidade do sistema de abastecemento de auga que dá servizo á localidade de Torbeo, no Concello de Ribas de Sil.

0.15026807785034