O proxecto da nova Ponte do Malecón recibe máis de 500 alegacións

O Concello de Monforte de Lemos rexistrou un total de 569 alegacións ao proxecto de construción da nova Ponte de Ferro sobre o río Cabe, na zona do Malecón, cuxo período de exposición pública rematou o pasado 1 de outubro. O procedemento entra agora na fase de análise das reclamacións por parte dos técnicos municipais, antes de continuar coa tramitación da infraestrutura.
Do total de escritos recibidos, 562 están relacionados co contido do proxecto, mentres que os sete restantes se refiren a cuestións administrativas do procedemento. En conxunto, o Concello identifica once textos de alegación diferentes entre os presentados.
Entre as reclamacións relativas ao deseño da ponte, o modelo promovido polo BNG suma 286 escritos, seguido do presentado por Salvemos o Malecón, con 232. Pola súa banda, o modelo de Esperta Monforte reuniu dez alegacións, ás que se engaden outras cinco co mesmo texto, pero sen o logotipo da formación.
O rexistro municipal inclúe tamén 19 alegacións correspondentes a un modelo presentado por un particular e outras cinco baseadas nun texto diferente presentado por outra persoa. A estas súmanse cinco escritos individualizados, cun contido propio.
As sete alegacións restantes céntranse na tramitación administrativa e corresponden a un modelo que solicita a ampliación do prazo para presentar reclamacións, sen entrar nos aspectos concretos do proxecto.
Ademais, seis persoas acudiron ao Concello para consultar presencialmente a documentación da actuación durante o período de exposición pública.
A aprobación inicial do proxecto foi acordada pola Xunta de Goberno Local na sesión do 31 de agosto e anunciada polo Concello o 1 de setembro. A proposta prevé construír unha ponte que conecte as rúas Santa Clara e Corredoira co paseo do Malecón, cunha plataforma de doce metros de ancho e sen apoios dentro da canle do río Cabe.
O orzamento de licitación ascende a 5.126.356,71 euros, cun financiamento repartido entre a Deputación de Lugo, que achega o 45 % do custo, e o Concello, que asume o 55 % restante. Segundo as previsións municipais anunciadas durante a aprobación inicial, a licitación podería tramitarse antes de finalizar 2026, mentres que o inicio das obras se situaría no verán de 2027, unha vez completados os trámites administrativos correspondentes.