O BNG de Monforte entrega unha primeira remesa de alegacións contra o proxecto da nova ponte do Malecón

RibeiraSacraXa
A formación nacionalista asegura que a cifra entregada corresponde só ás recollidas directamente polo partido, xa que boa parte da veciñanza optou por presentar as súas propias alegacións ou facelo a través de asociacións locais
BNG Monforte alegación contra o Malecón
23 Sep 2026

O BNG de Monforte de Lemos fixo entrega dunha primeira remesa de alegacións reunidas nas últimas semanas en contra do proxecto de construción da nova ponte do Malecón. Segundo explicou a propia formación, este primeiro paquete recolle exclusivamente as alegacións que o partido recompilou de forma directa, polo que a cifra total de veciños mobilizados en contra da iniciativa podería ser maior.

Desde o BNG explican que, durante as mesas informativas organizadas na localidade, numerosas persoas se achegaron xa coas súas propias alegacións redactadas, mentres que outras preferiron levar os formularios para completalos e presentalos pola súa conta. A isto súmase o labor de distintas asociacións veciñais e culturais de Monforte, que recolleron copias dos documentos para repartilas e recadar a sinatura das persoas asociadas.

O portavoz nacionalista, Manuel Luaces, subliñou que o dato relevante non é unicamente o volume de alegacións presentadas. Nas súas palabras, "o máis importante non é só o número de alegacións. Durante estas mañás na rúa percibimos un descontento moi amplo e transversal entre a veciñanza, tamén entre persoas con sensibilidades moi diferentes".

Segundo a valoración do BNG, esta primeira entrega reflicte a preocupación que, ao seu xuízo, xera o proxecto entre parte da poboación monfortina. A formación defende, ademais, que antes de avanzar nunha actuación desta magnitude debería terse en conta a opinión veciñal.

0.14515900611877