O BNG de Monforte propón un estudo de mobilidade e unha consulta popular antes de decidir sobre a nova ponte do Malecón

O BNG de Monforte de Lemos levará ao próximo Pleno municipal unha moción na que reclama a elaboración dun estudo integral e independente sobre a mobilidade urbana da cidade, como paso previo a convocar unha consulta popular na que a veciñanza poida pronunciarse sobre a construción da nova ponte sobre o río Cabe, na contorna do Malecón.
A formación nacionalista defende que unha infraestrutura cun investimento previsto que supera os cinco millóns de euros, e que suporía transformar de maneira permanente un dos espazos verdes e de paseo máis recoñecibles da cidade, non debería executarse sen antes analizar se é realmente necesaria e se existen alternativas.
O voceiro municipal do partido sinala que comparten o obxectivo de converter a Ponte Medieval nun espazo exclusivamente peonil, pero rexeitan que a construción dunha nova ponte no Malecón se presente coma a única vía posible para conseguilo.
Por iso, propoñen que, antes de acometer calquera actuación irreversible, o Concello encargue un estudo independente que avalíe os efectos reais da peonalización da Ponte Medieval, a redistribución do tráfico e as distintas alternativas de mobilidade posibles, incluíndo aquelas que permitirían avanzar cara á peonalización sen necesidade de erguer unha nova ponte sobre o Cabe.
Consulta con toda a información enriba da mesa
A proposta establece que, unha vez rematado o estudo, os seus resultados se farán públicos xunto coa información sobre o proxecto da ponte e as alternativas estudadas. Só despois dese proceso informativo se convocaría a consulta popular municipal, cuxo obxectivo -segundo indican- é evitar formular unha falsa disxuntiva entre peonalizar a Ponte Vella ou conservar o Malecón, e coñecer se existen outras vías para conseguir esa peonalización sen recorrer a actuacións máis agresivas.
A moción apóiase no artigo 71 da Lei reguladora das bases do réxime local e no artigo 257 da Lei de Administración local de Galicia, que permiten aos concellos promover consultas populares sobre asuntos de competencia municipal e especial relevancia para a veciñanza, mediante acordo por maioría absoluta do Pleno e posterior autorización do Goberno do Estado.
A formación nacionalista subliña que a proposta non pretende paralizar a peonalización da Ponte Vella, senón garantir que esa decisión se tome dentro dunha planificación global da mobilidade, evitando actuacións que despois poidan resultar innecesarias e que, unha vez executadas, xa non teñan marcha atrás.
O grupo lembra tamén a contestación social xerada polo proxecto nos últimos meses, que consideran que reforza a necesidade de abrir un proceso de información e participación antes de continuar coa súa execución.
Con esta secuencia —estudo, información pública e consulta—, o BNG defende que sexa a propia veciñanza monfortina quen teña a última palabra sobre o futuro dun dos espazos máis emblemáticos da cidade.