O BNG volverá instalar unha mesa informativa sobre a nova ponte do Malecón este sábado

RibeiraSacraXa
A formación recolleu preto de 200 alegacións asinadas na súa primeira xornada informativa e anuncia que continuará achegando á veciñanza os datos técnicos do proxecto
BNG Monforte firmas contra a Ponte do Malecón
9 Sep 2026

O BNG de Monforte desenvolveu esta mañá unha acción informativa no Cardeal sobre o proxecto da nova ponte do Malecón, coa que pretende dar a coñecer á veciñanza as características desta actuación e o impacto que terá sobre este espazo da cidade.

Membros da formación repartiron folletos con planos, medidas e datos técnicos extraídos do propio proxecto que se atopa en exposición pública. O partido considera importante que a cidadanía poida coñecer a dimensión real da infraestrutura e formar a súa propia opinión con toda a información dispoñible.

Ademais, puxo á disposición das persoas interesadas copias da alegación que presentará contra o proxecto, para que quen comparta os seus argumentos poida subscribila e presentala tamén.

Segundo indica a formación, a resposta veciñal foi moi elevada: en apenas dúas horas recolléronse case 200 alegacións asinadas, ademais de recibir numerosas consultas de persoas que se achegaron a solicitar información e coñecer con maior detalle o proxecto.

O concelleiro e responsable local do BNG, Manuel Luaces, valorou positivamente a resposta obtida e destacou que a veciñanza "quere información, quere participar e quere ser escoitada". O edil lembrou que se trata dunha actuación valorada en máis de cinco millóns de euros que suporá unha transformación permanente dun dos espazos máis recoñecibles de Monforte, polo que considera que a cidadanía debe coñecer con claridade o alcance e as consecuencias da obra.

Cómpre lembrar que o BNG xa trasladara días atrás a súa proposta de someter a decisión a unha consulta popular, condicionada a un estudo previo de mobilidade que analizase alternativas á construción da nova ponte.

Desde a formación aseguran que manterán a campaña informativa durante todo o período de exposición pública, tanto para explicar o proxecto como para facilitar á cidadanía as ferramentas necesarias para presentar alegacións.

Neste sentido, o BNG volverá instalar unha mesa informativa este sábado no Cardeal, de 10.00 a 13.00 horas, onde a veciñanza poderá consultar a documentación, coñecer os principais datos do proxecto e asinar a alegación.

Luaces animou a toda a veciñanza a achegarse este sábado para coñecer o proxecto de primeira man e concluíu que "o futuro do Malecón non pode decidirse de costas a Monforte".

0.14483308792114