O pleno de Monforte de Lemos aproba as ordenanzas fiscais de 2027 e respalda a ILP pola lingua galega

RibeiraSacraXa
A sesión plenaria de outubro deixou aprobacións por unanimidade, como a acta anterior e o expediente de contratación do novo plan urbanístico, xunto a varias mocións con resultados dispares entre os grupos municipais
concello-de-monforte-bandeira-lgtbi
Imaxe de arquivo
27 Oct 2026

O pleno do Concello de Monforte de Lemos, celebrado o 26 de outubro, abordou once puntos da orde do día, con resultados que combinaron a unanimidade nalgúns asuntos e a división de votos noutros, reflexo das distintas posturas dos grupos municipais presentes: PSOE, PP, BNG e Esperta Monforte.

A sesión comezou coa aprobación por unanimidade da acta correspondente ao pleno celebrado o 28 de setembro.

En materia económica, o pleno deu luz verde de xeito provisional ás modificacións das ordenanzas fiscais e non fiscais que rexerán no exercicio de 2027. Esta proposta saíu adiante cos votos a favor do PSOE e o alcalde, o rexeitamento do BNG e de Esperta Monforte, e a abstención do PP.

Tamén resultou aprobado por unanimidade o expediente para a contratación dos traballos de elaboración da cartografía municipal e a redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), un documento clave para a planificación urbanística do Concello.

Un dos puntos que xerou maior consenso foi a proposta de alcaldía presentada a instancia da Plataforma Queremos Galego, que se debateu de forma conxunta coa moción do BNG en apoio á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) Lingua Vital, orientada a reverter o que o colectivo describe como unha situación de emerxencia lingüística. Ambas as iniciativas, aínda que votadas por separado, recibiron o respaldo de PSOE, alcalde, BNG e Esperta Monforte, co voto en contra do PP. No caso da moción do BNG, a proposta incorporou unha emenda “in voce” formulada polo alcalde, que modificou un dos puntos do acordo para reafirmar a disposición do concello a “colaborar na difusión da ILP Lingua Vital e en todas as actividades que contribúan a este obxectivo que o Concello considere oportuno”.

Tamén saíu adiante, co mesmo reparto de apoios, a moción do grupo socialista para instaurar un sistema transparente no reparto do canon da auga, de xeito que a asignación dos recursos non dependa de criterios partidistas nin de afinidades políticas.

Pola contra, outras propostas non lograron o respaldo maioritario. É o caso da moción do PP para instar á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e ao propio Concello a garantir o correcto mantemento dos regatos e cursos de auga que atravesan Monforte, que contou co apoio do PP, o BNG e Esperta Monforte, pero foi rexeitada polos votos do PSOE e o alcalde.

Tampouco prosperou a moción popular para reclamar a execución do convenio de construción da ronda urbana entre a rúa Ourense e a Nacional 120, que sumou os votos favorables do PP e Esperta Monforte, o rexeitamento do PSOE e o alcalde, e a abstención do BNG.

Pola súa banda, a moción do BNG para priorizar as relacións económicas do consistorio con entidades bancarias que garantan a atención presencial en Monforte de Lemos obtivo o apoio do PP, o propio BNG e Esperta Monforte, mentres que o PSOE e o alcalde optaron pola abstención.

O pleno tamén deu o seu visto e prace á moción de Esperta Monforte sobre a necesidade de contar cunha escola infantil pública de 0 a 3 anos no concello, que foi respaldada por PSOE, alcalde, BNG e Esperta Monforte, coa abstención do PP.

Finalmente, a proposta de Esperta Monforte para a creación e constitución do Consello Escolar Municipal non saíu adiante, ao recibir o apoio de PP, BNG e Esperta Monforte, fronte ao voto en contra do PSOE e o alcalde.

0.16178894042969