O PP de Monforte pide un plan de mantemento de ríos e regatos antes das vindeiras choivas

RibeiraSacraXa
O grupo municipal defenderá unha moción no vindeiro pleno para que Concello e Confederación Hidrográfica Miño-Sil inspeccionen e manteñan os leitos que atravesan a localidade
PP Monforte Katy Varela
15 Oct 2026

O Grupo Municipal do PP de Monforte levará ao vindeiro pleno unha moción coa que pretende instar ao Concello e á Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) a reforzar o coidado e mantemento dos ríos e regatos que discorren polo municipio.

A voceira popular, Katy Varela, sinalou que é necesario revisar os regatos e leitos fluviais que corresponden a cada administración para detectar aqueles treitos onde se acumule vexetación, residuos, ramas, árbores caídas, sedimentos ou outros elementos que poidan dificultar o normal paso da auga. Segundo explicou, retirar estes obstáculos axudaría a evitar que se formen grandes acumulacións de auga durante as épocas de choiva.

Nesta liña, dende o PP consideran que tanto a CHMS como o Concello de Monforte de Lemos deberían programar e levar a cabo, dentro das súas respectivas posibilidades orzamentarias e de acordo coa normativa ambiental vixente, as actuacións de conservación, mantemento e limpeza que resulten tecnicamente necesarias nos leitos da súa competencia.

A voceira lembrou que os ríos, regatos e pequenos cursos de auga que atravesan Monforte forman parte do patrimonio natural do municipio e cumpren unha función ambiental, paisaxística e de regulación e evacuación das augas. Por este motivo, dende o PP insisten en que o seu correcto mantemento resulta especialmente relevante para previr a acumulación de residuos e obstáculos que poidan xerar situacións de risco, sobre todo en episodios de choivas intensas como as rexistradas o pasado inverno.

Varela puxo como exemplo positivo as actuacións que se están a desenvolver nos regatos das Malloadas, Penela e Zapardiel, enmarcadas nun proxecto de senda peonil e restauración ambiental de máis de catro quilómetros. Con todo, apuntou que ese mesmo proxecto xera controversia, xa que, segundo os seus datos, afectaría ata 68 propiedades e podería supoñer o derrubamento de tres vivendas.

Por todo isto, dende o Grupo Municipal Popular defenden a necesidade de elaborar e executar un plan de mantemento antes de que cheguen as choivas intensas propias do inverno, sen esperar á construción dunha senda cuxa realización, afirman, non está garantida.

0.15001797676086