Esperta Monforte propón crear un consello escolar municipal e reclama unha escola infantil pública na cidade

RibeiraSacraXa
O grupo municipal presenta dúas mocións ante o Pleno: a posta en marcha dun órgano estable de participación da comunidade educativa e a reclamación conxunta dunha praza pública de 0 a 3 anos ante a falta de oferta suficiente na localidade
German Vazquez Esperta Monforte modificado
16 Oct 2026

O grupo municipal Esperta Monforte levará ao vindeiro Pleno do Concello de Monforte de Lemos dúas mocións relacionadas co ámbito educativo: unha para impulsar a creación dun Consello Escolar Municipal e outra para reclamar unha escola infantil pública de titularidade autonómica na cidade.

A primeira das iniciativas defende a posta en marcha deste órgano como un espazo estable no que a comunidade educativa e a corporación municipal poidan abordar xuntas os asuntos que afectan ao alumnado do municipio. Segundo explica o grupo proponente, trátase dun órgano de consulta, información e proposta —non decisorio— no que estarían representados o profesorado, as familias, o alumnado, o persoal non docente, as direccións dos centros e a propia corporación. A súa creación, lembran, está amparada desde hai máis de vinte anos pola Lei 3/1986, de Consellos Escolares de Galicia, e polo Decreto 59/2005, que regula a súa composición e funcionamento, e xa existe en concellos de distinto tamaño como Vigo, A Coruña, Pontevedra, Lugo, Ourense, Culleredo, Bergondo, Ames, Boiro ou A Guarda, ademais de estar anunciada a súa posta en marcha en Ferrol.

Como argumento a favor da proposta, o grupo municipal alude ao ocorrido no Pleno do pasado mes de setembro, cando se debateu unha moción sobre a situación de 2.º de Educación Primaria e o equipo de goberno se abstivo alegando non dispor de información suficiente. Ao seu xuízo, esa situación evidencia a falta dunha canle estable pola que a información sobre os centros educativos chegue de forma ordenada á corporación, algo que, sinalan, si existía a través da comisión de escolarización celebrada o 25 de xuño deste ano, na que xa se puxera enriba da mesa a situación desas aulas.

A moción propón iniciar os trámites para a creación do consello, elaborar un regulamento de organización e funcionamento sometido a información pública e a consulta dos centros e as ANPAs, garantir unha composición plural que inclúa a todos os sectores citados e convocar a sesión constitutiva antes de que remate o curso 2026/2027, de xeito que o órgano estea operativo antes do proceso de admisión do curso 2027/2028. Tamén plantea fixar un mínimo de dúas sesións ordinarias por curso e trasladar o acordo aos centros educativos, ás ANPAs, á Xefatura Territorial de Educación de Lugo e á Consellería competente.

A segunda moción céntrase na falta de prazas públicas de educación infantil para a etapa de 0 a 3 anos en Monforte. O grupo municipal lembra que a cidade, malia ser a segunda da provincia de Lugo e cabeceira de comarca, non conta cunha escola infantil pública da rede autonómica, o que obriga a numerosas familias a buscar praza en centros privados ou noutros municipios próximos. Segundo detallan, esta situación xerou queixas ante a Valedora do Pobo e foi obxecto de debate no Parlamento galego en anteriores lexislaturas, sen que se dese resposta á petición de garantir prazas públicas na localidade.

O texto achega varios datos para ilustrar a magnitude do problema: a escola infantil municipal de Monforte dispón de 41 prazas, o mesmo número que a única gardería privada existente; a lista de agarda para o centro municipal no curso 2026-2027 foi de 26 nenos e nenas, fronte aos 40 que se rexistraron dez anos antes, no curso 2017-2018; e, segundo datos do IGE, o Concello contaba en xullo de 2025 con 532 menores de entre 0 e 4 anos.

Ante este panorama, o grupo propón a todos os partidos con representación municipal sumarse a unha petición conxunta para reclamar a posta en marcha dunha escola infantil pública —do modelo coñecido como Galiña Azul— en Monforte, por considerar que se trata dunha necesidade social que vai máis alá das posicións de cada formación. En concreto, a moción insta a incluír unha partida orzamentaria suficiente para o inicio deste centro nos orzamentos de 2027, así como a presentar antes de que remate este ano un plan que garanta a cobertura total da demanda de prazas de 0 a 3 anos no sur da provincia de Lugo, incluíndo a apertura deste centro nun prazo máximo de tres anos.

0.15441489219666