Chantada inicia a rehabilitación da antiga Academia para ampliar as dependencias municipais

O Concello de Chantada deu un novo paso para transformar o edificio da antiga Academia, situado na praza de España número 23, en novas dependencias municipais. Este luns, 5 de outubro, asinouse a acta de replanteo da actuación, que permitirá iniciar os traballos a vindeira semana.
A intervención chega despois de dous anos de traballo por parte do Concello para conseguir financiamento e preparar o proxecto. O inmoble foi adquirido na zona vella, xunto á actual Casa Consistorial, coa finalidade de ampliar e reorganizar os espazos municipais e mellorar a súa accesibilidade.
A actuación conta cunha achega de 500.000 euros da Xunta e un orzamento de licitación de 1.266.546,13 euros. O proxecto obtivo os informes favorables da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio, ao estar situado no casco antigo. Ademais, ao superar o millón de euros, seguiu os correspondentes procedementos de contratación.
Ao concurso público presentáronse oito empresas e a adxudicación correspondeu a Misturas, Obras e Proxectos S.A. O prazo previsto para executar os traballos é de doce meses.
A rehabilitación manterá as fachadas actuais, mentres que no interior se renovará a estrutura para configurar varias plantas. O proxecto contempla o emprego de teitos de madeira e a creación dun patio interior acristalado e con elementos de madeira, pensado para facilitar a entrada de luz natural e xerar un espazo de traballo no que tamén terá presenza a vexetación.
Unha vez rematada a intervención, o edificio acollerá o salón de plenos, que actualmente se atopa na Casa da Cultura. Este traslado permitirá que a Casa da Cultura dispoña de novos usos. As novas dependencias municipais tamén concentrarán diferentes oficinas do Concello e ofrecerán espazos accesibles para a atención á cidadanía.
O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, defende a necesidade da actuación ante as limitacións das actuais dependencias. “Esta obra é necesaria porque a casa consitorial quedábase pequena e pouco accesible, con oficinas repartidas por diferentes lugares. Coa rehabilitación deste edificio no casco antigo seguimos conservando o noso patrimonio para crear instalacións que ofrecen mellor servizo, atención e facilidades aos nosos veciños e veciñas”, explica.
O inicio dos traballos traerá tamén cambios temporais na mobilidade da zona. Desde a vindeira semana non estará permitido o acceso nin o estacionamento na praza de España, no Cantón e diante da Casa Consistorial. O Concello prevé accesos puntuais para as persoas residentes nestes espazos.
“Cremos que unha poboación como Chantada merece un consistorio acorde cos tempos. Parécenos unha inversión que había que facer e seguiremos nesta liña, recuperando e dando exemplo no casco antiguo coa recuperación de edificios”, conclúe o rexedor.