Por Chantada reclama explicacións sobre a licitación da rehabilitación do edificio da praza do Cantón

Por Chantada–Interior Galego Vivo reclama ao Goberno municipal de Chantada explicacións públicas sobre o procedemento seguido para licitar a rehabilitación do edificio da praza do Cantón, antigo edificio da academia, destinado a converterse en novas dependencias municipais.
A obra conta cun orzamento de licitación de 1.266.546,13 euros e foi tramitada polo Concello con carácter de urxencia. O expediente foi publicado o 12 de agosto e a adxudicación produciuse o pasado 18 de setembro por un importe de 1.036.579 euros sen IVE, segundo os datos facilitados pola formación.
Para Por Chantada, a dimensión económica da actuación e a forma en que se desenvolveu a licitación requiren, ao seu xuízo, explicacións detalladas á cidadanía.
A formación cuestiona, en primeiro lugar, a documentación presentada para acreditar a viabilidade económica e temporal da obra, así como a coherencia entre o proxecto, os custos previstos e o prazo de execución.
Por Chantada chama tamén a atención sobre o feito de que, segundo a análise realizada polo grupo municipal, varias das ofertas presentadas á licitación presentarían importes e condicións próximos entre si. A formación considera que esta circunstancia debe ser aclarada para garantir que o procedemento respondeu aos principios de competencia e transparencia.
Por Chantada subliña que isto non implica por si mesmo afirmar a existencia de ningunha irregularidade, pero considera que son cuestións que deben poder ser explicadas pola Administración municipal e pola documentación do expediente.
Outra das cuestións que Por Chantada considera necesario aclarar é a participación do estudo de arquitectura vinculado á dirección da obra e a xustificación da súa intervención.
A formación cuestiona igualmente o papel desempeñado pola dirección facultativa no procedemento de valoración das ofertas, especialmente polo informe no que se propuxo o rexeitamento da proposta económica máis baixa por motivos que considera insuficientemente obxectivados.
“Se se rexeita unha oferta máis barata por cuestións técnicas ou subxectivas, esas razóns teñen que estar perfectamente acreditadas, seren verificables e aplicarse con exactamente o mesmo nivel de esixencia á empresa que finalmente resulta adxudicataria”, sinala Por Chantada.
Para a formación, “nunha contratación pública de máis dun millón de euros non pode quedar ningunha dúbida razoable sobre por que unha oferta é descartada e outra resulta finalmente adxudicataria”.
Por Chantada lembra ademais que esta actuación forma parte do paquete de investimentos vinculado á operación de crédito de 4.189.546 euros aprobada polo Goberno municipal. A operación foi adxudicada por ese mesmo importe, segundo os datos publicados sobre o procedemento.
A formación considera relevante a sucesión temporal dos acontecementos, coa aprobación da operación de endebedamento e a posterior licitación, no mes de agosto, da rehabilitación do edificio.
Por Chantada asegura que xa cuestionara o nivel de concreción dos proxectos no momento da aprobación inicial da modificación de crédito e agora reclama coñecer se todo o procedemento foi planificado coa suficiente antelación e transparencia.
“Agora xa temos unha licitación de máis dun millón de euros. O que queremos saber é se todo o procedemento foi planificado coa suficiente antelación, rigor e transparencia ou se estamos asistindo a unha carreira para executar unha operación de crédito aprobada a poucos meses das eleccións municipais”, afirma a formación.
Por Chantada lembra que a rehabilitación do edificio non pode analizarse illadamente, ao estar financiada con cargo a unha operación de crédito que comprometerá recursos municipais durante 17 anos.
“Non estamos falando simplemente de rehabilitar un edificio. Estamos falando de decidir hoxe como se gastan máis de catro millóns de euros e de deixar comprometidos os recursos do Concello durante 17 anos”, sinala a formación.
Por Chantada reclama finalmente ao Goberno municipal que faga públicos e explique os criterios aplicados na valoración das ofertas, os motivos do rexeitamento da proposta económica máis baixa, a xustificación da dirección facultativa e a documentación relativa á viabilidade económica e temporal da actuación.
A formación anuncia que continuará examinando o expediente de contratación e utilizando as vías administrativas ao seu alcance para solicitar información sobre a actuación.