Chantada destinará máis de catro millóns de euros a investimentos na vila e no rural

RibeiraSacraXa
O Concello prevé investir case dous millóns de euros na vila e 2,3 millóns na mellora de accesos a núcleos e estradas municipais.
concello-chantada
14 Jul 2026

O Concello de Chantada aprobou este luns, nun pleno extraordinario cun único punto na orde do día, unha operación de crédito por importe de 4.189.546 euros que permitirá executar diferentes actuacións no municipio, tanto na vila como no rural.

A operación saíu adiante cos votos do equipo de goberno e permitirá dispoñer dos fondos necesarios para desenvolver os proxectos previstos. Entre eles destaca un investimento de 2.300.000 euros destinado á mellora dos accesos aos núcleos de poboación e das estradas municipais, co obxectivo de continuar ampliando a rede de vías tratadas con aglomerado en quente.

O alcalde, Manuel Lorenzo Varela, destacou que nos últimos sete anos o Concello mellorou 83 quilómetros de vías mediante este sistema e asegurou que “con esta operación adiantámonos ao que iamos facer nos próximos 7 ou 8 anos”.

Ademais das actuacións no rural, o Concello prevé importantes investimentos na vila, entre eles a ampliación da Casa Consistorial e novas actuacións para mellorar prazas e espazos públicos. “Son obras que nos parecen moi necesarias e a situación económico financieira do concello permítenos poder facer esta modificación orzamentaria coa que queremos dar o mellor servizo posible á cidadanía”, afirmou o rexedor.

Un dos proxectos de maior contía será o acondicionamento da antiga casa da Academia, un edificio adquirido polo Concello no Cantón, para convertelo en Casa Consistorial. Segundo o proxecto co que conta o Concello, esta actuación terá un orzamento de 1.266.546 euros.

A operación inclúe tamén unha partida de 73.000 euros para distintos equipamentos urbanos, outros 140.000 euros para o mobiliario da Biblioteca e 410.000 euros destinados á pavimentación de vías públicas e ao acondicionamento de prazas.

Neste apartado, Manuel Lorenzo Varela explicou que “queremos levantar a vía central da Praza de Santa Ana que todos os anos dá problemas, imos quitar a pedra e darlle un tratamento novo para zonas de vías públicas. Destinaremos case 190.000€ e abrimos novas vías e melloraremos outras prazas para seguir adecentando a vila”.

Segundo recollen os informes económicos e de secretaría, o Concello de Chantada ten débeda cero e capacidade financeira para afrontar esta operación de crédito. Neste sentido, o alcalde sinalou que “para facer cousas grandes hai que facer este tipo de operacións. Firmaremos convenios para amortizar a débeda pronto e ao mesmo tempo poderemos executar esas actuacións que mellorarán a calidade de vida dos veciños e veciñas”.

0.12554502487183