A voz dos alcaldes: Roberto Castro, rexedor de Ribas de Sil

Dous anos despois de asumir a Alcaldía de Ribas de Sil, tras a xubilación de Miguel Sotuela, Roberto Castro repasa nesta entrevista a súa traxectoria política, os retos aos que se enfronta o municipio e os proxectos previstos para os próximos anos.
Como comezou na política e como se vinculou ao seu partido?
A política entrou na miña vida no ano 1995, con 22 anos, ocupando o número 4 nas listas para as municipais. Comecei como independente na candidatura do PSdeG-PSOE de Ribas de Sil. Se son sincero, metinme nisto porque o meu cuñado Vicente Arias, candidato á Alcaldía, mo pediu. Querían unha persoa nova e eu cumpría co perfil. Perdemos as eleccións, pero conseguimos catro concelleiros, polo que me convertín en concelleiro da oposición. No ano 1997 Vicente Arias falece e, despois dun ano de incerteza e desánimo pola enorme perda política e, sobre todo, persoal, decidimos presentar unha moción de censura co apoio de dous exconcelleiros do PP. Así pois, en abril de 1998 convértome no que daquela era o tenente de alcalde máis novo da provincia, formando parte do equipo de Goberno presidido polo alcalde Miguel Ángel Sotuela Vega.

Como deu o salto ou recibiu o impulso para ser alcalde?
Ocupei o cargo de tenente de alcalde e concelleiro de Cultura durante 26 anos, da man do alcalde Sotuela, con quen sempre tiven unha sintonía total, aínda que discutiamos moito. Desas discusións saíron moitos proxectos bos para Ribas de Sil e para os nosos veciños. Durante todos estes anos adquirín moita experiencia e un coñecemento profundo da Administración local e do seu funcionamento. Xa nesta última lexislatura falaramos dun relevo que todo o mundo vía como un relevo natural. Nunca sentín a necesidade imperiosa de ser alcalde porque como tenente de alcalde levei a representación do Concello en moitos órganos (Consorcio Turístico, Camiño de Inverno, GDR, etc.) e o peso de moitos proxectos. Sentíame escoitado, respectado, e saían adiante moitas iniciativas promovidas por min. No Concello había un equipo de Goberno coa participación de todos e unha bicefalia que funcionaba ben. Cando Sotuela se xubila xorde a oportunidade de dar o salto e non o dubidei. Non hai maior orgullo que ser o alcalde do teu Concello.
Que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello a nivel persoal?
Moitos. Sempre está por diante a miña vida pública en detrimento da miña vida persoal. Teño dous fillos de 13 e 15 anos que necesitan máis dedicación e non lla dou como me gustaría. Tamén teño unha filla de 31 anos recentemente casada á que vexo pouco. Por último, a miña parella ten que sufrir esta falta de tempo libre. Gústanos moito viaxar e descubrir lugares perdidos e desde que son alcalde saímos moi pouco. Sempre hai algo durante a fin de semana que me impide saír por aí e desfrutar. Ademais, a miña gran afección, que é a música, tamén a teño bastante apartada por falta de tempo.
E beneficios?
Fundamentalmente, a satisfacción de conseguir cousas que melloran a calidade de vida dos meus veciños.
Como equilibra a vida pública e a privada?
Pois basicamente non existe tal equilibrio. A miña familia acepta con resignación que a miña vida política me absorba unha boa parte do tempo que tería que dedicarlles. Fai pouco fomos a Toledo coñecer a nova casa dunha sobriña que para min é como unha filla. Levaba 1 ano e 3 meses sen saír de Ribas de Sil, salvo por traballo.
Cales son os seus obxectivos a nivel político?
Sempre me fixo moita ilusión ser deputado provincial, seguindo os pasos do meu cuñado Vicente Arias e do meu alcalde Miguel Sotuela. Pero a día de hoxe só aspiro a seguir sendo o alcalde de Ribas de Sil, que me chega ben.
E se renova na Alcaldía, cales son as principais actuacións previstas?
Como proxectos de futuro temos moita ilusión posta na rehabilitación do edificio do ladrillo. É un edificio marabilloso e emblemático, cunha balconada espectacular en pleno casco antigo de San Clodio e que ten unha antigüidade de 100 anos. Foi adquirido polo Concello hai dous anos e xa temos partida económica para recuperar a planta baixa, o tellado e a balconada, contando con 60.000 euros da Deputación e 200.000 euros do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. A planta baixa albergará a biblioteca, sala de xogos, as oficinas de turismo e reto demográfico e o terceiro centro de interpretación do Concello: o Centro de Interpretación do Ferrocarril. Na planta alta queremos construír 3 vivendas sociais que se unirán a dúas que estamos intentando rematar na antiga escola de Nogueira. É fundamental ter vivenda accesible para ofrecela a novos veciños que queiran vir vivir a Ribas de Sil. Confiamos en que a Xunta de Galicia nos bote unha man na creación destas vivendas tan necesarias para asentar poboación nun medio rural como o noso. Outro dos proxectos nos que queremos traballar é na habilitación dun aparcadoiro na Praia Fluvial para pechar todo o contorno ao tráfico de vehículos.
En todo caso, antes de rematar a lexislatura imos levar a cabo actuacións xa comprometidas nos orzamentos por un importe próximo ao millón de euros e que abranguen obras en estradas, pistas, rúas, alumeado público, servizos básicos de auga e saneamento, novo parque para a residencia, equipamento de servizos sociais e culturais, novos vehículos todoterreo, dúmper e minipala para a brigada de obras, alumeado de Nadal, etc. Un total de 25 actuacións ás que haberá que sumar as actuacións do Plan Deputación do ano 2027 con preto de 240.000 euros máis.

Cales son as principais liñas do seu programa?
En xeral, seguir loitando por crear oportunidades de desenvolvemento dentro do meu Concello, pero en estreita colaboración con Quiroga e Folgoso do Courel, cos que formamos o Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel. Penso que xuntos temos moitísimo potencial e hai varios proxectos en mente, públicos e privados, que poden actuar como revulsivo nunha zona que merece saír adiante, combatendo o despoboamento e o envellecemento.
No que atinxe ao Concello, dedicarei todo o meu empeño a seguir apostando por mellorar os servizos en San Clodio e en todas as aldeas, con especial énfase en mellorar e ampliar os servizos sociais, para atender ben aos nosos maiores.
Cales considera que son as principais necesidades do seu municipio?
Como dicía antes, creo que necesitamos crear vivendas asequibles para asentar poboación, un maior apoio das institucións para crear oportunidades de futuro e que os nosos mozos poidan quedar aquí, e que veña xente de fóra para axudarnos a levantar o noso Concello. Este obxectivo é ambicioso e vemos como se perden servizos pouco a pouco: o tren, o banco, as tendas, etc. É preciso implementar políticas que freen esta tendencia. Para iso necesitamos o apoio dos políticos de arriba, sexan da cor que sexan. Teñen que crer de verdade que hai que loitar contra o despoboamento do medio rural e non usalo soamente nos discursos.
Ten algún proxecto do que se sinta máis orgulloso?
Só levo dous anos de alcalde e o meu labor é continuista. Recibín de Sotuela un Concello saneado economicamente, o que me permite apostar por investimentos importantes poñendo fondos propios se é necesario. Do que máis orgulloso estou no meu Concello é da Residencia, pero non é un proxecto meu, foi froito do empeño do alcalde anterior. Eu podo presumir daquelas cousas nas que participei como tenente de alcalde directa e intensamente, como poden ser o Xeocamping, o complexo da Praia Fluvial de San Clodio ou os Centros de Interpretación da Minaría e do Río Sil.
Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?
Pois que son unha persoa próxima que escoita os veciños e que se limita a executar as cousas que pensa que son boas para eles. É imposible ter a todo o mundo contento, pero eu poño todo o meu esforzo niso. Ás veces é duro dicir que non, pero teño unhas conviccións moi fortes e fago o que creo que debo facer.
Como é a súa relación coa oposición?
Pois teño que dicir que me teñen un pouco desconcertado: o trato persoal coa voceira do PP é moi bo, o ambiente nos plenos é realmente construtivo, absténdose a maior parte das veces e mesmo votando a favor de moitas iniciativas. Pero despois, nas redes sociais, ás veces publica críticas con moi pouco rigor, mesmo nalgunhas ocasións rozando a falta de respecto cara á miña persoa. Non sei se esa é a mellor estratexia; penso que a voceira do PP ten que cambiar de asesor, ou deixarse aconsellar mellor.
EN CLAVE PERSOAL
- Idade.
53 anos - Estado civil.
Divorciado, pero pensando en casar outra vez. - Formación.
Ciencias Empresariais. - Profesión.
Tiven moitas, pero agora, despois dunha dura enfermidade, estou xubilado. - Se non tivese o seu posto, que lle gustaría ser?
Músico ou profesor de instituto (o meu ídolo é o concelleiro de Educación e Cultura, que é un profesor cunha vocación infinita). - Que quería ser de maior?
Avó. Case casei a miña propia filla, pero de momento non me fai caso. - Que fai para desconectar?
Durmir. - Unha virtude.
Honestidade. - Un defecto.
Ás veces non sei calar e digo o que penso e iso non sempre é bo. - Un consello para compartir.
Nunca perdas a ilusión por chegar onde queres chegar. - Unha afección.
A música, sen dúbida. - Un lugar que visitar.
Teño pendentes Granada, Roma e Atenas. - Unha comida.
Cocido. - Unha bebida.
Un bo viño da Ribeira Sacra, subzona Quiroga-Bibei. E despois, máis tarde, un gintónico, pero de Larios sen coloríns. - Unha persoa admirada.
O meu avó, tenente de alcalde durante a República (non o coñecín, pero polo que me contaron del), e o meu cuñado, alcalde e deputado, o que me meteu neste lío. - Unha posesión prezada.
A miña familia e a miña parella. - Un desexo.
Que desaparezan Donald Trump, Putin e a ultradereita. O mundo sería moito mellor. - Algo para esquecer.
As mortes da miña irmá e do meu cuñado. As dúas antes de tempo. - Que é o que máis valora nunha persoa?
A sinceridade. - Un desafío pendente.
Aprender a tocar o violín. - Onde se ve en cinco anos?
Pois cinco anos son exactamente o ano que queda de lexislatura e unha lexislatura completa. Despois, con case 60 anos, gustaríame deixar paso.