A piscina climatizada de Chantada mellora o seu acceso cunha silla mecanizada

RibeiraSacraXa
As instalacións deportivas estrean ademais unha renovación integral da pintura interior, mentres que na rúa Serra do Faro se completaron as obras tras os danos do temporal, cunha nova senda peonil e 15 prazas de aparcamento adicionais
silla mecanizada piscina Chantada
26 Oct 2026

As instalacións deportivas municipais de Chantada seguen sumando melloras de cara ao inicio da tempada de inverno. Nesta ocasión, as actuacións centráronse na Piscina Municipal Climatizada, onde se instalou unha silla mecanizada que facilita o acceso ao vaso ás persoas con problemas de mobilidade.

Esta incorporación chega despois de que, antes do verán, xa se renovase o sistema de ventilación das salas de ximnasia. Nesta nova fase de traballos, impulsados desde a concellaría de Deportes, tamén se levou a cabo un repintado completo do interior do recinto.

Para renovar a imaxe das instalacións foi necesario retirar primeiro toda a pintura vella, aplicando despois un novo recubrimento específico para este tipo de espazos. Os traballos abranguiron o teito, os paneis de madeira, as paredes e os propios vasos da piscina.

Estas melloras súmanse ás obras realizadas na rúa Serra do Faro, executadas tras os danos ocasionados polo temporal do pasado inverno. A vía conta agora cunha senda peonil que reforza a seguridade dos viandantes, ademais dunha reorganización das zonas de aparcamento que permitiu habilitar 15 novas prazas de estacionamento.

A Piscina Municipal Climatizada de Chantada dispón de piscina cuberta cos correspondentes vestiarios, dúas zonas de ximnasio, sauna e servizo de cafetería. O horario de apertura, de luns a venres, é de 08.00 a 13.00 horas e de 16.30 a 22.30 horas, mentres que as fins de semana o servizo está dispoñible de 10.00 a 14.00 horas.

0.18187117576599