O Pavillón Municipal de Chantada renova a súa fachada e arranxa desperfectos tras o verán

O Concello de Chantada continúa avanzando no seu programa de modernización e mellora das instalacións deportivas do municipio. Despois das actuacións recentes no campo de fútbol de O Sangoñedo, nas pistas de tenis —onde se traballou na iluminación e na eficiencia enerxética— e na piscina climatizada, onde se renovou o sistema de ventilación, chégalle agora a quenda ao Pavillón Polideportivo Municipal, que está a ser obxecto de distintas intervencións.
Entre elas destaca un cambio estético na fachada, que xa conta cunha capa provisional de pintura, á que en breve se sumará un novo rótulo identificativo. Como parte desta renovación de imaxe, creouse un deseño específico para dar visibilidade ao deporte local, obra do estudio Trece Trazos: un grafiti en ton vermello decora a entrada do pavillón, mentres que un verde cobre a parede da pista situada baixo a pantalla do marcador.
Aproveitando o período estival, tamén se substituíron diversos elementos deteriorados polo paso do tempo, polas inclemencias do pasado inverno ou por actos de vandalismo. Repuxéronse planchas na cúpula central —cuxa reparación xa se iniciara o ano anterior—, cambiáronse as portas danadas de vestiarios e aseos, xunto con parte do mobiliario destas dependencias, renováronse os asentos das gradas en peor estado e substituíronse cristais rotos nalgunha fiestra. No interior tamén se acometerá o arranxo das zonas de parqué danadas.
O conxunto destas melloras, impulsadas desde a concellaría de Deportes, supera os 10.000 euros, financiados integramente con fondos municipais propios. De xeito paralelo, e de cara ao inicio da nova tempada, están a levarse a cabo traballos de mantemento na piscina climatizada, cun investimento de 30.000 euros destinado a reparacións, limpeza do recinto e aplicación dunha nova pintura especial para este espazo.
Este tipo de actuacións enmárcase no labor periódico do Concello por manter actualizadas as instalacións deportivas municipais e mellorar a comodidade das persoas usuarias.