Yolanda Alcas presenta en Sarria o seu primeiro poemario, unha obra sobre a culpa, a memoria e a liberdade

SarriaXa | RibeiraSacraXa
A escritora de Bóveda dará a coñecer "A culpa era rosa e comeuna unha vaca" este sábado ás 20:00 horas na Casa da Cultura, nun acto con música en directo de Galego de Caracas
Yolanda-Álvarez-Club-de-Lectura-de-Sarria
17 Oct 2026

A Casa da Cultura de Sarria acollerá este sábado, ás 20:00 horas, a presentación de "A culpa era rosa e comeuna unha vaca", o primeiro libro de poesía da escritora de Bóveda Yolanda Álvarez, coñecida artisticamente como Yolanda Alcas. A autora quere converter este encontro nunha celebración aberta ao público, que estará acompañada pola música en directo de Simón Rodríguez, máis coñecido como Galego de Caracas.

O novo poemario combina vivencias persoais con versos de carácter reivindicativo nos que aparecen cuestións como a culpa, a memoria, os medos, a liberdade, as feridas emocionais e a forza necesaria para continuar adiante. Segundo avanzou a editorial, a obra publicarase tanto en galego como en castelán.

Esta publicación supón un novo paso na traxectoria creativa de Yolanda Alcas, que xa asinou títulos como "O misterio do tulipán", "Zapato e bota" e "Pedro e o vagalume", este último ambientado en Sarria e no Camiño de Santiago.

A escritora compaxina a literatura con outras disciplinas artísticas e profesionais, xa que tamén traballa como pintora e profesora de danza. Este ano, ademais, proclamouse vencedora dun Poetry Slam galego, un resultado que lle permitiu representar Galicia nunha competición estatal celebrada en setembro, na que acadou as semifinais.

A presentación en Sarria ofrecerá así unha oportunidade para achegarse ao primeiro poemario da autora nun encontro que mesturará poesía, música e participación do público.

0.1533350944519