Yolanda Álvarez, escritora de Bóveda: “É fundamental que os nenos medren con principios como o respecto e a empatía”

RibeiraSacraXa | SarriaXa
Inaugura a súa carreira no mundo editorial con ‘O misterio do tulipán’, un conto que recolle a importancia do bo trato e o coidado cara a todas as persoas e seres vivos e no que os seus dous fillos foron a súa gran inspiración Por Lucía Blanco.
yolanda_alvárez_portada
25 Nov 2023

Inaugura a súa carreira no mundo editorial con ‘O misterio do tulipán’, un conto que recolle a importancia do bo trato e o coidado cara a todas as persoas e seres vivos e no que os seus dous fillos foron a súa gran inspiración

Por Lucía Blanco.

Yolanda Álvarez leva toda a vida namorada das artes. Esta veciña de Rubián, en Bóveda, profesora de baile e animadora sociocultural, sempre entendeu a literatura como “unha maneira de canalizar o que sentía”. Paixón que a leva agora a estrearse no mundo editorial con ‘O misterio do tulipán’, un conto que achega aos máis pequenos valores tan importantes como o respecto e o bo trato co que demostra o poder da palabra na ensinanza das crianzas.

“A min gustoume ler dende sempre e escribía moito, pero cando entrei na adolescencia parei. Centreime en bailar e entre os estudos e o conservatorio deixeino apartado”, conta. Xa como nai, as letras volvéronse a cruzar na súa vida. “Escribín a historia cando o meu segundo neno, que xa ten un ano, acababa de nacer e pasaba bastante tempo no hospital. Cando o mandaron para a casa, de noite necesitaba estar o máis esperta posible para estar pendente e así empecei a escribir no móbil”.

Durante meses, foi sumando as liñas dunha trama na que os seus dous fillos son a súa gran inspiración. “Eu quería escribirlles algo para contarlles a eles polas noites e transmitirlles algo, que non fora unha historia baleira”, recorda. O resultado: “Un conto pequeno, fino, fácil de ler, pero que está cargado de mensaxes e de leccións de

vida” e que chegou ás librarías en parte grazas á nai de Yolanda. “Cando o tiña rematado no móbil, unha tarde, sen dicir que era meu, linllo ao meu neno e a miña nai, que me dixo que o tiñamos que tratar de conseguir xa e traelo para a casa”.

Esa reacción animouna a buscar editoriais e a facer realidade o conto, no que o amor propio ou a integración acabaron por protagonizan as páxinas, xa que para ela é fundamental que “os nenos medren con principios básicos como o respecto e a empatía que tanta falta fan”. Temas que non pasan desapercibidos entre o seu público, a pesar da idade. “É curioso porque léollo a nenos moi pequenos, con 3 anos, que teñen unha certa comprensión e xa o entenden. Pídeslles un resumo e interprétano perfectamente”.

Contacontos musical e cancións propias

Os pais tamén o están a acoller de moi boa gana. “Amósanse agradecidos de poder ter na súa casa ese material. Eu mesma como nai estou encantada con cada conto que ten un fondo e que podemos razoar, porque ao final é un recurso co que traballar”, recoñece. Tamén é un xeito de fomentar o hábito lector entre os cativos. “Trátase dun libro que pode perdurar na casa por moitos anos, porque está pensado para que medren con eses valores implícitos e, ademais, está escrito en maiúsculas pensado para cando teñen seis ou sete anos e xa se soltan eles lendo”.

Pero Yolanda non quere que a súa historia quede no papel, polo que está a amosar a súa obra en distintos puntos da xeografía galega a través dunha presentación interactiva e musical. “Cando fixen a miña primeira presentación aquí en Bóveda, sabíame a pouco sentarme nunha cadeira e falar, así que pensei en organizar un contacontos tirando dos meus recursos de animadora sociocultural”. Deste xeito, a escritora apoiase na música de Martín e Gonzalo do grupo Louband de Sarria para levar a cabo as sesións. “Todo o mundo está súper implicado con ‘O misterio do tulipán’, creou un entorno máxico e xa é algo que vai máis alá. De feito, xurdiron cancións inéditas montadas con instrumental e letra propia que xa rexistramos”.

Con este primeiro título botou a andar a súa traxectoria profesional no mundo da literatura infantil, que promete ter futuro. “Véxome con máis contos publicados, xa teño outro empezado e outros dous escritos, pero non quero deixar de lado a poesía”. Ademais, Yolanda non descarta que tamén cheguen ás librerías os seus versos cos que, do mesmo xeito que con ‘O misterio do tulipán’, trata de transmitir algo. “Para min é unha cousa terapéutica, eu non son capaz de facer poemas abstractos, sempre trato de facer pensar e reflexionar”

Yolanda Alvarez Misterio do Tulipan
0.21748304367065