Un percorrido máxico de luces e decoración converterá Quiroga nun 'Soño de Nadal'

Quiroga prepárase para vivir un Nadal diferente cunha proposta que transformará varios dos seus espazos públicos nun escenario cheo de luces, decoración e fantasía. Baixo o nome de 'Soño de Nadal', a iniciativa impulsada pola Concellería de Turismo busca crear un percorrido temático para veciñanza e visitantes, ao tempo que contribúe a dinamizar a actividade social e económica do municipio durante as festas.
O proxecto estenderá a decoración por distintos puntos da vila, con especial presenza na praza España, na praza da rúa Lago, na praza Maior, nos xardíns da entrada de Quiroga e no merendeiro do parque da Constitución. Cada espazo contará cunha ambientación propia, combinando iluminación nas árbores, adornos e elementos decorativos relacionados co Nadal.
A proposta está concibida como unha experiencia inmersiva que mestura natureza, tradición, narrativa e participación cidadá. O itinerario poderá percorrerse tanto de día como de noite, aínda que será ao anoitecer cando as luces adquiran un maior protagonismo e contribúan a crear unha atmosfera especial.
Ademais de contemplar a decoración, as persoas que realicen o percorrido poderán recoller pistas e participar nas actividades previstas. A experiencia culminará coa obtención dun agasallo na denominada 'Fábrica dos Soños', un dos elementos destacados desta iniciativa.
Un Nadal coa implicación da veciñanza e do comercio local
Un dos obxectivos do proxecto é implicar diferentes sectores da sociedade quiroguesa na creación dunha proposta colectiva. Entre os participantes figuran o comercio local, o CEIP de Quiroga e o departamento da muller, impulsado polo Centro de Información á Muller (CIM).
Neste último ámbito xa comezaron os traballos de colaboración para preparar a decoración do Nadal, nos que participan arredor dunha ducia de mulleres. A iniciativa pretende así reforzar a participación veciñal e promover unha celebración compartida, na que diferentes colectivos contribúan a dar forma á ambientación festiva.
O Concello busca tamén que esta proposta axude a consolidar Quiroga como destino turístico durante as festas, atraendo visitantes e favorecendo o consumo nos establecementos comerciais e hostaleiros da zona.
Máis de 22.600 euros de financiamento provincial
O proxecto conta cun orzamento de 22.627 euros, achegados pola Deputación Provincial de Lugo a través dun convenio asinado co Concello de Quiroga o pasado mes de xullo.
O concelleiro de Turismo, Vicente Parra, destaca que 'Soño de Nadal' nace coa finalidade de impulsar a dinamización social e económica do municipio e da comarca durante o período festivo. A iniciativa pretende, ademais, favorecer a convivencia entre a veciñanza, apoiar o comercio e a hostalaría e contribuír á promoción turística do territorio.