Taboada mellora os equipamentos públicos de Xián coa recuperación da Fonte do Rubado

O Concello de Taboada inaugurou este pasado domingo en Xián a Fonte do Rubado, unha actuación coa que se mellorou este equipamento público da localidade coincidindo coa celebración das festas na honra de Santa María.
O alcalde de Taboada, Roi Rigueira, participou no acto e destacou a colaboración entre o Concello e a Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Xián para facer posible a intervención. A actuación desenvolveuse despois da doazón do terreo por parte de Mónica da Vila e incluíu, ademais da recuperación da fonte, a pavimentación da contorna e a colocación de bancos.
Rigueira puxo en valor o traballo conxunto para mellorar os espazos públicos das aldeas e sinalou que “é un orgullo contribuír á mellora de equipamentos públicos nas nosas aldeas”.
A intervención na Fonte do Rubado non é a única actuación deste tipo que se está desenvolvendo no municipio. O Concello tamén está a rehabilitar a vella fonte de Recemondelle, un lugar especialmente vinculado ás lembranzas da infancia do alcalde. “Na mesma liña, estase rehabilitando tamén a vella fonte de Recemondelle, na que teño bebido centos de veces de rapaz, cando percorría o concello en bicicleta”, explicou.
O alcalde aproveitou tamén para felicitar a comisión de festas de Xián pola organización do “tardeo”, un formato que, segundo considera, debería ter maior presenza neste tipo de celebracións, combinando música e cea no campo.