Sergi López celebra no Pazo de Tor os 20 anos da Rede Museística Provincial cun encontro sobre cinema e creación

O Pazo de Tor, en Monforte de Lemos, converteuse este sábado nun punto de encontro para os amantes do cinema coa participación do actor Sergi López nunha xornada organizada dentro do programa Sacra Forma para conmemorar o 20º aniversario da Rede Museística Provincial de Lugo e do propio museo.
A actividade, de acceso libre e cunha destacada asistencia de público, reuniu afeccionados, profesionais da cultura e visitantes arredor dun programa que combinou conversas, un taller e proxeccións, ofrecendo un espazo de diálogo directo cun dos intérpretes máis recoñecidos do panorama cinematográfico europeo.
Durante o encontro, Sergi López repasou a súa carreira, desde os seus primeiros pasos sobre os escenarios ata a súa consolidación como un dos actores máis prestixiosos do cinema europeo, cunha filmografía na que figuran títulos como Sólo mía, Pa negre ou El laberinto del fauno. O intérprete tamén falou da súa recente colaboración co director lucense Oliver Laxe na película Sirat, destacando a conexión coa nova xeración de cineastas galegos.
A xornada serviu ademais para reivindicar o vínculo do Pazo de Tor coa industria audiovisual. Ao longo das últimas décadas, este espazo patrimonial foi escenario da rodaxe de películas como Beatriz, de Gonzalo Suárez; A Esmorga, de Ignacio Vilar; El rey del río, de Manuel Gutiérrez Aragón; ou El laberinto ario, consolidándose como unha das localizacións cinematográficas máis singulares de Galicia.
O encontro contou tamén coa presenza da xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, Encarna Lago, e da directora de Sacra Experience, Carlota Pérez, que acompañaron o actor durante unha xornada que puxo en valor a unión entre patrimonio, arte contemporánea e creación audiovisual.
Esta actividade forma parte da programación especial organizada para celebrar os 20 anos da Rede Museística Provincial de Lugo e do Pazo de Tor, unha efeméride que busca reforzar o papel destes espazos como centros de difusión cultural e de encontro entre artistas, público e territorio.