Ribas de Sil remata as obras de pavimentación de viais no núcleo de Peites

O Concello de Ribas de Sil deu por rematadas as obras de pavimentación de viais no núcleo de Peites, unha actuación que supuxo un investimento total de 28.468,86 euros.
Os traballos centráronse fundamentalmente no camiño de acceso ao cemiterio da parroquia, así como en dous accesos a vivendas particulares. Ademais, aproveitouse a intervención para substituír varias arquetas relacionadas coa auga de regadío que se atopaban en mal estado.
A actuación tamén permitiu dotar de saneamento a dúas vivendas que ata o momento aínda contaban con pozo negro, mellorando así as súas condicións.
Segundo trasladou o Concello, o criterio principal á hora de decidir en que zonas concretas de Peites actuar foi o de dar servizo ás vivendas que, desde hai relativamente pouco tempo, contan con novos veciños residindo nelas.