Comezan as obras de mellora dos viais no núcleo de Peites en Ribas de Sil

O núcleo de Peites, no Concello de Ribas de Sil, comezou nos últimos días unha serie de traballos orientados a mellorar as súas infraestruturas viarias. Trátase da obra denominada ‘Pavimentación de viais no núcleo de Peites’, cuxo obxectivo principal é facilitar os accesos a esta localidade e renovar parte das súas instalacións.
Entre as actuacións previstas figura o acondicionamento do camiño que dá acceso ao cemiterio parroquial, ademais de pequenos accesos a varias vivendas da zona. Así mesmo, os traballos inclúen a mellora das conducións de auga de regadío e saneamento, xunto coa substitución de tapas e reixas situadas en diferentes puntos do núcleo.
Esta intervención enmárcase dentro do Plan Deputación, impulsado pola Deputación de Lugo, e conta cun orzamento de 28.468,86 euros.