Quiroga será un dos 100 concellos de Galicia que impartirán cursos de introdución á lingua e cultura galegas

Quiroga será un dos 100 concellos de Galicia nos que se impartirán, entre xullo de 2026 e abril de 2027, os denominados “Cursos de introdución á lingua e cultura galegas”, dirixidos á poboación non nacida na comunidade co obxectivo de favorecer a súa integración, convivencia e inclusión sociocultural efectiva, segundo destacou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, durante a xornada formativa celebrada o pasado 9 de xuño en Santiago de Compostela para as entidades locais que acollerán estas accións.
En representación do Concello de Quiroga participou o concelleiro de Dinamización Lingüística, Xosé Manuel Fernández, quen sinala que esta formación “ademais de poñer en valor a nosa lingua, servirá como ferramenta de integración dos novos quirogueses, persoas chegadas de fóra que poden contribuír á recuperación da economía local e do censo poboacional”. O edil lembra tamén que “poderá matricularse calquera outra persoa interesada en adquirir unha formación básica sobre a lingua e a cultura galegas”.
En canto ao curso, trátase dunha proposta que chega tras a boa acollida da súa primeira edición e que está estruturada en cinco unidades temáticas, deseñadas para acompañar a aprendizaxe de forma progresiva, práctica e vinculada á realidade galega. Estas unidades inclúen contidos de fonética para familiarizarse cos sons do galego e mellorar a pronuncia, de gramática centrada nas estruturas máis habituais, de léxico útil orientado á comunicación cotiá e de carácter cultural, cunha aproximación tamén á historia da lingua.
A formación está pensada para desenvolverse en 20 horas e contará cun máximo aproximado de 20 persoas por grupo. Para facilitar o seguimento elaboráronse materiais en liña descargables, dispoñibles de forma gratuíta no Portal da Lingua para todas as persoas interesadas. Trátase dun curso totalmente gratuíto para o alumnado e sen custo ningún para o concello, ao estar financiado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Desde a Concellería de Dinamización Lingüística infórmase de que, unha vez se coñezan as datas concretas nas que se conceda a formación a Quiroga, se dará publicidade para que a veciñanza interesada poida inscribirse. Así mesmo, anímase á participación e destácase que o concello continúa impulsando accións para poñer en valor o galego, normalizalo e fomentar o seu uso.