Quiroga, Folgoso do Courel e Ribas de Sil impulsan o uso do galego na educación, o comercio e a tecnoloxía

RibeiraSacraXa
Un programa conxunto desenvolvido entre agosto e mediados de outubro combina unha campaña comercial, obradoiros escolares, unha recuperación da tradición oral e unha ferramenta dixital para fomentar o uso da lingua no territorio
Presentación campaña Quiroga
14 Oct 2026

Entre agosto e mediados de outubro, o Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel levou a cabo un conxunto de actividades orientadas a fomentar o uso do galego en distintos ámbitos da vida social do territorio. O proxecto, coordinado conxuntamente polos tres concellos que forman parte do Xeoparque —Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel—, contou cunha axuda de 4.352,96 euros procedente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, dentro da liña de subvencións destinada a entidades locais sen servizo lingüístico propio.

Unha das primeiras accións consistiu nunha campaña dirixida ao tecido comercial e de servizos. Foron os nenos e nenas do campamento de verán de Ribas de Sil quen, traballando en grupo, deron forma ao lema "Vive Galicia, compra en galego", pensado para animar a usar a lingua de maneira natural nas relacións comerciais. A frase converteuse nun cartel que, tras ser presentado en agosto por representantes dos tres municipios, se repartiu por comercios, bares, oficinas e outros locais de atención ao público. A acción parte dunha realidade desigual: o uso habitual do galego varía entre os tres concellos, sendo maior en Folgoso do Courel, o que levou a deseñar unha resposta conxunta que reforce a súa presenza alí onde é menos frecuente.

Paralelamente, durante setembro desenvolvéronse obradoiros de creación de pasatempos en galego en tres centros educativos: o CPI Poeta Uxío Novoneyra de Seoane do Courel, o CEIP de Quiroga e o CEIP de San Clodio, en Ribas de Sil. Baixo a coordinación da escritora quiroguesa Celia Díaz Núñez, o alumnado elaborou crucigramas, sopas de letras e outros xogos con vocabulario relacionado coa fauna, a flora, a toponimia e o patrimonio do territorio. O resultado foi a revista colectiva 'Xeopasatempos', cunha tiraxe de 500 exemplares: cen repartiranse entre os centros escolares da zona, incluído o IES de Quiroga, e o resto entregouse ao presidente do Xeoparque, Roberto Castro, para distribuílos en museos e centros de interpretación.

Outra das iniciativas centrouse no brindo, unha forma de tradición oral emparentada coa regueifa e baseada na improvisación de versos cantados, moi arraigada na comarca. A actividade tivo dúas fases: primeiro, obradoiros nos centros educativos impartidos por Nuria Penas e Manoele Pardo, e despois unha actuación aberta ao público o domingo 4 de outubro no salón de actos do Concello de Ribas de Sil, con boa acollida de asistencia e a participación de Nuria das Cruces e Bieito Lobariñas. Durante a sesión destacou a intervención de Tegra de TraloCouto, veciña da aldea de Hórreos, en Folgoso do Courel, que debutou en público como brindeira e regueifeira, amosando que esta tradición segue viva e capaz de sumar novas voces.

A última das accións consiste nunha aplicación incorporada á páxina web do Xeoparque, pensada para recoller palabras, expresións e nomes tradicionais de lugares, leiras, montes, fontes e camiños propios do territorio. A ferramenta busca implicar tanto a veciñanza como os centros escolares na recuperación deste vocabulario, favorecendo especialmente o diálogo entre as persoas maiores, que conservan boa parte deste coñecemento, e as xeracións máis novas. O obxectivo é que a toponimia, que a miúdo agocha historias e usos antigos do territorio, se converta nun recurso dixital vivo que conecte memoria, lingua e paisaxe.

Con este conxunto de actividades, o Xeoparque Montañas do Courel e os tres concellos que o integran reafirman a súa aposta polo galego como lingua de uso habitual na vida educativa, cultural, comercial e social do territorio, atendendo ás diferenzas existentes entre os municipios e valorando as particularidades da fala propia de cada aldea e parroquia. Os tres concellos agradeceron o respaldo económico da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, así como a implicación dos centros educativos, o profesorado, as persoas responsables das actividades, o sector comercial e toda a veciñanza que participou nas distintas propostas.

0.15609502792358