Por Chantada celebra o rexeitamento ambiental aos parques eólicos Agratina e Agromaces

RibeiraSacraXa
A resolución ministerial recoñece carencias nos estudos sobre ruído, flora, augas e patrimonio, ademais de non avaliar o impacto acumulado dos 13 parques xa existentes na zona
Antom Fente voceiro Por Chantada-IGV
Foto: IGV
7 Nov 2026

O Boletín Oficial do Estado publicou o pasado 5 de novembro unha resolución do Ministerio para a Transición Ecolóxica que declara desfavorábel, desde o punto de vista ambiental, o proxecto conxunto dos parques eólicos Agratina e Agromaces, previstos xunto con outras instalacións de evacuación nas provincias de Lugo, Pontevedra e Ourense. A formación municipal Por Chantada – Interior Galego Vivo celebrou a decisión e lembrou que levaba anos advertindo dos riscos deste proxecto para a comarca.

O documento ministerial detalla unha serie de carencias técnicas na documentación presentada polas empresas promotoras. Entre os puntos sinalados figuran estudos insuficientes sobre ruído, vibracións, parpadeo de sombras e campos electromagnéticos, así como análises incompletas sobre a flora, os hábitats protexidos e os efectos sobre as augas e o dominio público hidráulico. Tamén se apuntan deficiencias relacionadas co patrimonio cultural e paisaxístico da zona.

Un dos elementos que máis peso ten na resolución é a falta dunha valoración axeitada dos efectos acumulativos e sinérxicos do proxecto. Segundo recolle o propio expediente, na contorna de Agratina e Agromaces existen 13 parques eólicos entre instalacións en funcionamento, autorizadas ou en construción, que suman 113 aeroxeradores, aos que se engadirían outras instalacións aínda en fase de proxecto.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, pola súa banda, só consideraba viábeis catro das nove posicións de aeroxeradores incluídas na última versión do proxecto, o que obrigaba a eliminar as cinco restantes e a modificar as infraestruturas asociadas. Ante este escenario, as empresas promotoras comunicaron que non podían asumir o custo das infraestruturas de evacuación necesarias, o que deixaba o proxecto sen viabilidade técnica nin económica. Tampouco chegaron a presentar a documentación adicional solicitada nin actualizaron o estudo de impacto ambiental coas últimas modificacións esixidas.

O convenio asinado coas promotoras

Por Chantada – Interior Galego Vivo lembrou que, antes de que se abrise o período de exposición pública e de que os veciños afectados tivesen coñecemento dos proxectos, o alcalde de Chantada asinou o 14 de maio de 2025 un convenio coas empresas promotoras. Este grupo deu a coñecer daquela o contido do acordo, que incluía unha vixencia de ata 30 anos, cláusulas de confidencialidade de 35 anos e unhas contraprestacións económicas que, ao seu xuízo, resultaban pouco favorábeis para o Concello. O texto contemplaba unha porcentaxe sobre os beneficios anuais das empresas que partía dun 2,5 % e se reducía progresivamente ata o 1 % nos últimos anos de vixencia.

Segundo denuncia a formación, o consistorio non presentou alegacións ao proxecto a pesar de ter sido requirido por escrito para iso, sendo Por Chantada, segundo indican, a única formación política que si alegou naquel momento, cando aínda estaban pendentes de resolver cuestións esenciais sobre a viabilidade e autorización ambiental dos parques.

Ante esta situación, o grupo municipal, apoiándose nos seus catro concelleiros, promoveu a convocatoria dun pleno extraordinario para expor a reprobación do alcalde, pedir a súa dimisión e solicitar a rescisión do convenio. As tres propostas contaron tamén co apoio do PSOE, aínda que foron rexeitadas cos votos do PP. Por Chantada emprendeu ademais a vía contencioso-administrativa para impugnar o acordo, recurso que finalmente non prosperou.

Declaracións do voceiro

O voceiro de Por Chantada – Interior Galego Vivo, Antom Fente, valorou a resolución ministerial como unha confirmación das advertencias que o seu grupo viña trasladando desde o inicio da tramitación. “O que durante moito tempo se presentou polo alcalde como unha oportunidade de desenvolvemento para o territorio acabou evidenciando graves problemas ambientais, patrimoniais e técnicos. As advertencias dos veciños non eran alarmismo: eran cuestións concretas que agora aparecen recollidas na resolución do Ministerio”, sinalou.

Fente foi tamén crítico coa xestión municipal do asunto, ao lembrar que o grupo foi acusado nun pleno extraordinario de xerar alarmismo. “Tivemos un alcalde que se puxo do lado das empresas e non dos veciños. Debería explicar dunha vez que intereses ten no sector como para pólos por diante das parroquias e das vidas dos veciños”, afirmou.

O voceiro subliñou que, aínda que a paralización deste proxecto supón un avance, a defensa do territorio continúa. “Gañamos, con certeza, unha batalla, pero a guerra contra o noso territorio e o espolio das nosas parroquias continúan e xa hai, infelizmente, novas ameazas en marcha”, indicou.

Fente resumiu a súa valoración de ambos procesos -a tramitación ambiental e o convenio municipal- como parte dunha mesma reivindicación: que as decisións sobre o futuro das parroquias non se adopten á marxe dos veciños nin subordinadas aos intereses das empresas promotoras. A formación reclama que as administracións incorporen de forma efectiva a participación veciñal, a protección dos valores naturais e patrimoniais, e a avaliación dos efectos acumulativos á hora de autorizar novas infraestruturas enerxéticas.

0.16913509368896