Por Chantada - Interior Galego Vivo presenta alegacións contra un novo parque eólico por non avaliar o seu impacto acumulado na comarca

A formación Por Chantada presentou alegacións ao proxecto do Parque Eólico Industrial Monte Cabeza II e ás súas infraestruturas de evacuación, un expediente que prevé a instalación de seis novos aeroxeradores cunha potencia conxunta de 40,8 MW, ademais da súa conexión coa nova subestación Soilán II. A iniciativa non afecta só a Chantada, senón tamén aos concellos de Rodeiro, Agolada e Antas de Ulla, e contaría cunha axuda pública do IDAE próxima aos 9,3 millóns de euros que, segundo a formación, non debería concederse ao tratarse dunha instalación nova e non dunha repotenciación.
O voceiro da organización sinalou que non se trata de seis muíños illados, senón dunha peza máis dentro dunha concentración extraordinaria de infraestruturas enerxéticas que xa afecta á comarca, tanto nas serras do Faro, Farelo e A Martiñá como nas zonas próximas ao río. As alegacións piden precisamente que a Administración deixe de estudar cada expediente de forma illada e valore os efectos acumulativos e sinérxicos do conxunto de instalacións existentes e proxectadas.
Unha instalación máis nun territorio xa saturado
O proxecto contempla seis aeroxeradores do modelo Vestas V162, de 6,8 MW cada un, con 162 metros de diámetro de rotor e 119 metros de altura de buxa. Segundo explica a formación, nun radio de apenas dez quilómetros xa se concentra un número moi elevado de instalacións eólicas, tanto en funcionamento como en tramitación, ás que se suman liñas de alta tensión, subestacións e sistemas de almacenamento. Por iso, consideran que a Administración debería determinar a capacidade de carga real do territorio antes de autorizar novas instalacións.
Un dos puntos centrais das alegacións é a propia subestación Soilán II, que non serviría unicamente a Monte Cabeza II, senón que incluiría tamén conexións para sistemas de almacenamento, posicións de reserva e enlace con outra subestación e coa rede de transporte. Para a formación, isto obriga a analizar de forma conxunta a xeración, o almacenamento, a transformación e a evacuación eléctrica, avaliando o seu impacto sobre a actividade agraria, o ruído, os campos electromagnéticos, o uso do solo, os accesos, o risco de incendio, as augas, a paisaxe e a fauna.
Un traballo de fiscalización que esixe constancia
A formación destaca ademais o esforzo técnico e documental que supón analizar en detalle os numerosos proxectos enerxéticos que se están a tramitar no último ano na zona. Aseguran que as alegacións non se limitan a expresar unha postura política, senón que inclúen un estudo pormenorizado da documentación do expediente, as infraestruturas asociadas, as coordenadas, a ocupación do territorio e os posibles impactos sobre biodiversidade, augas, paisaxe, patrimonio, actividade agraria e poboación.
Nos aspectos onde recoñecen non dispoñer de medios suficientes para unha análise exhaustiva, piden que sexan tidos en conta na declaración de impacto ambiental. É o caso da fauna, para a que solicitan estudos que acrediten mediante mostraxes adecuadas as rutas de voo, corredores ecolóxicos, zonas de alimentación e reprodución, así como os riscos de colisión e os efectos acumulativos sobre aves e quirópteros. Tamén reclaman unha análise específica das afeccións sobre cursos de auga, humidais e aproveitamentos veciñais, nun contexto no que xa existe preocupación pola incidencia destas infraestruturas sobre os recursos hídricos, agravada polas secas estivais que afectan ás traídas veciñais en numerosas parroquias do concello.
Alegacións sistemáticas fronte á sucesión de proxectos
A organización subliña que é a única forza política local que está presentando alegacións de maneira sistemática aos diferentes proxectos enerxéticos que afectan ao territorio, desde parques eólicos e as súas liñas de evacuación até instalacións de almacenamento. Aseguran compaxinar este traballo coa presentación de alternativas no pleno municipal e coa fiscalización de decisións do goberno local, entre elas un compromiso económico de 5,66 millóns de euros a varios anos vista que critican polo seu calendario, próximo ás vindeiras eleccións municipais.
As alegacións rematan solicitando que non se autorice o proxecto en canto non exista unha avaliación ambiental suficiente, que se analicen conxuntamente os impactos acumulativos e sinérxicos de todas as instalacións da zona, e que se determine a capacidade real do territorio para asumir novas infraestruturas enerxéticas.