Pereiro de Aguiar destina máis de 61.800 euros á renovación das pistas deportivas de Tapada de Bouzas e Vilariño

O Concello do Pereiro de Aguiar continúa co programa de mellora das instalacións deportivas municipais coa previsión de actuar este ano nas pistas da urbanización Tapada de Bouzas e do núcleo de Vilariño. O investimento destinado a estas intervencións ascende a 61.800,65 euros.
Os traballos estarán centrados na rehabilitación dos pavimentos das instalacións, que actualmente presentan signos de deterioro. O proxecto contempla a renovación integral das superficies mediante a colocación de novo céspede sintético e resinas deportivas, ademais da actualización do equipamento existente.
Esta actuación dá continuidade aos traballos realizados o pasado ano nas pistas deportivas da urbanización de Veiga de Abaixo, Monterrei e o núcleo de Calvelle.
Coa continuidade destas intervencións, o Concello busca manter e mellorar os espazos destinados á práctica deportiva no municipio, ao tempo que promove entre a veciñanza a actividade física e os hábitos de vida saudables.
O investimento forma parte das actuacións municipais destinadas á conservación e renovación dos espazos públicos e das instalacións deportivas do Pereiro de Aguiar.