Pantón segue coa súa axenda do Outono Cultural con teatro, magosto e un novo encontro de reflexión masculina

A programación de Outono Cultural segue adiante en Pantón con boa acollida por parte do público, combinando propostas escénicas, festas tradicionais e espazos de diálogo comunitario ao longo das próximas semanas.
O ciclo teatral dos domingos pola tarde continúa o seu percorrido. O día 8 de novembro será a quenda de Sr. López Producións, que levará ao escenario a obra ‘A vida é soño (ou case)’. O ciclo pecharase o 15 de novembro coa compañía Parápano Teatro, que representará ‘A sala de xogos’. Ambas as funcións terán lugar ás 18.00 horas no salón de actos do Edificio Sociocultural do municipio.
Antes destas citas teatrais, Pantón xa gozou con notable participación da celebración do Samaín o pasado sábado. Esta fin de semana, concretamente o sábado 7 de novembro, chégalle a quenda a outra das tradicións propias da tempada outonal: o magosto, que se celebrará desde as 18.00 horas no Pavillón Polideportivo Monte Baliño.
A xornada do magosto prolongarase durante toda a tarde e incluirá, como é habitual neste tipo de celebracións, pancetada e baile, ademais da propia degustación de castañas. Trátase dunha proposta pensada para gozar en familia e que permanece aberta á participación de toda a veciñanza.
Por outra banda, este martes ás 20.00 horas terá lugar un novo encontro dentro da segunda tempada do espazo de coloquio ‘Por que nos xuntamos os homes?’, que continúa así coa súa proposta de reflexión e diálogo no municipio.