Pantón retoma os encontros mensuais para reflexionar sobre as masculinidades

O Concello de Pantón retomou este martes, 6 de outubro, unha nova tempada dos encontros ‘Por que nos xuntamos os homes?’, unha iniciativa impulsada polo departamento de Servizos Sociais para promover a reflexión sobre as masculinidades, a igualdade e o papel dos homes na sociedade actual.
As sesións celebraranse un martes de cada mes e constitúen un espazo de diálogo no que abordar cuestións como os privilexios, as responsabilidades e as problemáticas asociadas á socialización masculina. A proposta busca favorecer o intercambio de experiencias e a análise colectiva dos comportamentos e das relacións sociais.
O programa púxose en marcha en novembro do pasado ano, no marco da programación do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Desde entón, os encontros estiveron dirixidos exclusivamente a homes e ofreceron un lugar no que compartir inquedanzas e experiencias arredor dos cambios sociais e do compromiso coa igualdade real.
Durante a primeira tempada tratáronse temas como a responsabilidade dos homes na loita contra a violencia, o recoñecemento e abandono dos privilexios, a conexión coas emocións e a vulnerabilidade, así como a posibilidade de organizarse colectivamente para contribuír á eliminación das desigualdades de xénero.
Nesta nova etapa, o Concello pretende dar continuidade ao traballo desenvolvido, reforzar os vínculos entre os participantes e facilitar a incorporación de novas persoas. Outro dos obxectivos é avanzar na identificación das distintas formas de violencia e fomentar a reflexión sobre como as dinámicas sociais inflúen no comportamento dos homes.
A programación deste curso incluirá tamén novos obradoiros e unha fin de semana intensiva, propostas coas que se busca ampliar as actividades arredor das masculinidades e da igualdade, ademais de fortalecer o sentido de comunidade entre os participantes.
O Concello anima tanto aos homes que xa formaron parte da primeira tempada como a outras persoas interesadas a sumarse a estes encontros, que pretenden consolidarse como un espazo de conversación, coidado e reflexión colectiva.