O Sergas asegura que a Pobra do Brollón ten atención médica diaria mentres a veciñanza reclama cubrir a praza vacante

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
A Área Sanitaria afirma que hai facultativo todos os días laborables e que as citas se están dando cunha demora de arredor de tres días, mentres a mobilización deste martes esixe unha cobertura estable
Centro-de-saude-A-Pobra-do-Brollon
25 Aug 2026

A situación da atención sanitaria na Pobra do Brollón afronta este martes unha xornada de mobilizacións convocadas pola veciñanza, que sae á rúa para reclamar unha atención médica “adecuada, estable e suficiente”, mentres que a Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos asegura que o centro de saúde conta con cobertura médica todos os días laborables e que as consultas se están programando con normalidade.

A protesta, que se celebra este martes baixo o lema “A saúde non pode esperar! A Pobra do Brollón necesita médicos!”, xorde tras a xubilación dun dos facultativos do centro de saúde, unha praza que, segundo a veciñanza e o BNG, continúa sen cubrir de maneira estable. A formación nacionalista no sur de Lugo chamou á participación na mobilización e anunciou a presenza de cargos orgánicos e institucionais da comarca, así como do alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, e parte do equipo de goberno municipal.

O BNG considera que a situación está a provocar unha maior carga de traballo para o persoal sanitario. A responsable da formación nas comarcas do sur de Lugo, Rosana Prieto Florines, asegura que manter esta situación supón “consagrar dúas cousas moi graves”: asumir como normal que a poboación do sur de Lugo dispoña de menos médicos e manter a sobrecarga do persoal sanitario como consecuencia dunha “xestión sanitaria insuficiente”.

Prieto Florines defende ademais que “non é negociable a Sanidade Pública e de calidade para todxs, tamén para o Sur de Lugo”, e reclama que vivir neste territorio non supoña unha desvantaxe no acceso á asistencia sanitaria. O BNG alerta tamén da situación das especialidades, que, segundo a súa responsable comarcal, “cada vez son menos e están máis lonxe”.

Ante estas reivindicacións, a Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos asegura que está garantindo a cobertura médica diaria no centro de saúde da Pobra do Brollón. Segundo explica, o centro dispón de dúas prazas de persoal médico: unha delas está actualmente vacante e continúa ofertándose para lograr a súa cobertura estable, mentres que a ausencia temporal do facultativo que ocupa a outra praza está sendo substituída todos os días.

A xerencia sinala que, ante a inexistencia nestes momentos de profesionais dispoñibles nas listas de substitución, está adoptando medidas organizativas para asegurar a presenza de persoal médico todos os días laborables.

O Sergas nega así que a veciñanza da Pobra do Brollón estea sen médico e tamén desmente que exista unha demora de quince días para conseguir unha consulta. Segundo os datos facilitados pola Área Sanitaria, actualmente as citas están sendo programadas cun prazo aproximado de tres días.

A administración sanitaria tamén puntualiza os datos de poboación adscrita ao centro. En concreto, sinala que conta con 1.380 tarxetas sanitarias, fronte ás preto de 2.000 que, segundo afirma, se aseguraron durante as reivindicacións. Esta poboación distribúese entre dous cupos médicos, cunha media de arredor de 700 tarxetas por cupo.

A Área Sanitaria considera que esta cifra está por debaixo da ratio de 1.500 tarxetas sanitarias por facultativo que, segundo indica, consideran idónea as sociedades científicas.

O Sergas afirma que respecta o dereito da cidadanía a manifestarse e reclamar melloras na asistencia, aínda que pide que as reivindicacións se baseen en “datos reais e contrastados”, ao considerar que determinadas afirmacións poden xerar unha percepción equivocada sobre a atención que se está prestando actualmente.

A prioridade da Área Sanitaria, segundo sinala, é manter unha atención próxima, accesible e de calidade e continuar traballando para conseguir a cobertura estable da praza que permanece vacante. Mentres non se produza esa incorporación, asegura que manterá as medidas organizativas necesarias para garantir a asistencia médica diaria no municipio.

0.12783002853394