A veciñanza da Pobra do Brollón sairá á rúa para esixir unha atención médica “adecuada, estable e suficiente”

RibeiraSacraXa
A mobilización terá lugar o 25 de agosto, partirá ás 12.00 horas do colexio e rematará no Centro Médico, onde se reivindicarán solucións ante a situación actual da asistencia sanitaria
Centro-de-saude-A-Pobra-do-Brollon
19 Aug 2026

A veciñanza da Pobra do Brollón sairá á rúa o vindeiro 25 de agosto para reclamar unha atención médica adecuada, estable e suficiente na localidade. A manifestación está convocada baixo o lema “A saúde non pode esperar! A Pobra do Brollón necesita médicos!”.

A mobilización dará comezo ás 12.00 horas no Colexio da Pobra do Brollón e terá como punto de chegada o Centro Médico. A convocatoria busca expresar publicamente a preocupación dos veciños e veciñas pola situación da asistencia sanitaria e reclamar ás administracións competentes que adopten as medidas necesarias para garantir un servizo médico digno e de calidade.

Durante a manifestación tamén se levará a cabo unha recollida de sinaturas entre a veciñanza. O obxectivo é trasladar ás administracións competentes o apoio cidadán á reivindicación e solicitar solucións ante a situación actual.

A convocatoria considera esta unha cuestión de especial importancia para a veciñanza e para o futuro da atención sanitaria na localidade, polo que anima á difusión e á cobertura informativa da mobilización.

A saúde non pode esperar! cartel-brollon
0.12237215042114