O BNG do sur de Lugo chama a secundar a protesta pola falta de médico na Pobra do Brollón

RibeiraSacraXa
A formación nacionalista denuncia que a praza deixada tras a xubilación dun facultativo continúa sen cubrir e alerta da sobrecarga do persoal sanitario
Centro-de-saude-A-Pobra-do-Brollon
24 Aug 2026

O BNG no sur de Lugo mostra seu apoio á manifestación convocada pola veciñanza da Pobra do Brollón para reclamar a cobertura da praza médica que quedou vacante tras a xubilación dun dos facultativos do centro de saúde. A formación nacionalista anunciou tamén a participación de cargos orgánicos e institucionais da comarca na mobilización prevista para este martes.

Segundo denuncia o BNG, a falta de previsión para cubrir esta praza xa xerou preocupación entre a veciñanza ao comezo do verán, pero, co paso das semanas, continúa sen haber indicios de que se vaia incorporar un novo facultativo ao centro de saúde brollonés.

A responsable do BNG nas comarcas do sur de Lugo, Rosana Prieto Florines, considera que manter esta situación supón “consagrar dúas cousas moi graves”, por unha banda, asumir como normal que as persoas que viven nas comarcas do sur de Lugo dispoñan de menos médicos e, pola outra, manter a sobrecarga do persoal sanitario como consecuencia dunha “xestión sanitaria insuficiente”.

A nacionalista alerta de que esta situación pode contribuír a dificultar aínda máis a vida no interior de Galicia e reclama que se garantan os servizos públicos necesarios para manter a poboación no territorio.

O BNG confirmou a súa presenza na convocatoria da Pobra do Brollón, xunto co alcalde, Xosé Lois Maceda, e parte do equipo de goberno municipal. A formación asegura que acudirá para “apoiar e defender o que é necesario, ademais de esixir un trato xusto por parte do Goberno Galego”, así como para reclamar unha sanidade pública, de calidade e suficiente que garanta a atención sanitaria no municipio.

Prieto Florines defende que “non é negociable a Sanidade Pública e de calidade para todxs, tamén para o Sur de Lugo”, e considera que vivir neste territorio “non pode significar unha desvantaxe na atención sanitaria”. Neste sentido, asegura que as dificultades afectan tanto á atención primaria como ás especialidades, que, segundo sinala, “cada vez son menos e están máis lonxe”.

A responsable comarcal do BNG quixo así “amosar o apoio do BNG, sen fisuras a esta convocatoria cidadá da Pobra” e animou á veciñanza a participar masivamente na protesta. A formación nacionalista toma como referencia outras situacións rexistradas na comarca, como a de Pantón, para advertir dunha posible precarización dos centros de saúde e dunha maior carga de traballo para o persoal.

Desde o BNG reclaman á Administración autonómica que repoña a praza médica, adopte medidas para incentivar a incorporación de facultativos e garanta unhas condicións que permitan manter e reforzar os servizos sanitarios no rural. “Axúdennos a vivir aquí”, conclúe a formación nacionalista.

0.13456702232361