O PSdeG da Peroxa reclama melloras no aparcamento do Campo Municipal do Marco para garantir a seguridade dos deportistas

O PSdeG da Peroxa reclama ao Concello e á Deputación de Ourense que adopten medidas para mellorar o estado e, especialmente, a seguridade do aparcamento situado nas inmediacións do Campo Municipal do Marco, coincidindo co inicio das actividades deportivas.
Os socialistas sinalan que máis de 100 xogadores e xogadoras, xunto cos seus acompañantes, utilizarán estas instalacións durante as próximas semanas. Unha situación que, ao seu xuízo, fai aínda máis necesario acondicionar o espazo, especialmente tendo en conta as recentes melloras realizadas no campo e as actuacións previstas, como a substitución do céspede artificial e a instalación de máis iluminación.
Porén, o PSdeG considera que o estado do aparcamento contrasta con estas actuacións. Segundo explican, a Deputación de Ourense adoptou hai varios anos medidas no exterior do recinto coa intención de acometer obras de mellora e acabar coa situación de abandono, pero aseguran que estas actuacións non chegaron a executarse.
Os socialistas denuncian tamén que o aparcamento está sendo utilizado como zona de acopio de material por parte de empresas que realizan traballos de asfaltado nas estradas do municipio. Consideran que o que inicialmente debería ser un uso provisional acabou converténdose nunha situación permanente.
A principal preocupación do PSdeG céntrase na seguridade das persoas usuarias, especialmente polo estado do paso de peóns situado na zona, que, segundo denuncian, leva tempo inutilizado. Lembran que por este punto pasan habitualmente nenos e nenas que acoden ás actividades deportivas do Campo Municipal do Marco.
Por este motivo, reclaman ao Concello da Peroxa e á Deputación de Ourense que realicen as actuacións necesarias para acondicionar o aparcamento e garantir unhas condicións adecuadas de seguridade, prestando especial atención ao paso de peóns. O PSdeG considera que a situación debe resolverse con prioridade para evitar riscos innecesarios e reclama que se adopten solucións antes de que se produza algún accidente.