O Pereiro de Aguiar avanza na creación dun novo aparcadoiro municipal con máis de 20 prazas

RibeiraSacraXa
O Concello adquiriu unha finca de máis de 3.000 metros cadrados que permitirá ampliar o estacionamento e crear unha nova zona recreativa
novo-aparcadoiro-municipal-pereiro
28 Aug 2026

O Concello do Pereiro de Aguiar avanza na creación dun novo aparcadoiro público municipal no núcleo do Pereiro, unha actuación coa que pretende responder ás necesidades de estacionamento derivadas do incremento da actividade económica, cultural e social na zona.

O novo espazo converterase no terceiro aparcadoiro municipal do municipio e contará con máis de 20 prazas de estacionamento, que serán urbanizadas seguindo unha estética acorde coa dos outros dous aparcadoiros públicos existentes.

Para facer posible a actuación, o Concello adquiriu recentemente unha finca situada no núcleo do Pereiro, cunha superficie superior aos 3.000 metros cadrados. Ademais da zona destinada ao estacionamento, o terreo conta cunha ampla área arborada que permitirá desenvolver outras actividades de carácter recreativo.

Desde o Goberno municipal destacan que se trata dunha infraestrutura “absolutamente necesaria” para o Pereiro de Aguiar, nun núcleo que experimentou un incremento da actividade e que require espazos adecuados para ordenar o estacionamento e facilitar o acceso da veciñanza.

O proxecto contempla tamén o posible aproveitamento da parcela para ampliar a oferta de ocio infantil. Neste sentido, o Concello estuda a instalación dun novo parque infantil, ante a consideración de que o actual resulta insuficiente para atender as necesidades existentes.

A actuación permitirá así combinar a creación de novas prazas de estacionamento con outros usos vinculados ao lecer e á convivencia, aproveitando as características da parcela para xerar un novo espazo público para a veciñanza.

0.14725303649902