O Pazo de Tor acollerá o 30 de setembro o peche presencial do programa de museoloxía social da Rede Museística de Lugo

RibeiraSacraXa
A xornada 'O valor das palabras' reunirá a profesionais de museos e espazos culturais nun encontro participativo que coincide co 20º aniversario da Rede e do propio Pazo
pazo_de_tor_monforte
25 Sep 2026

A Rede Museística Provincial de Lugo mantén aberto o prazo de inscrición para a xornada formativa que terá lugar o vindeiro 30 de setembro no Museo Pazo de Tor, en Monforte de Lemos, en horario de 11.00 horas a 18.30 horas.

O encontro, titulado 'O valor das palabras. Ou como crear mundos novos desde o dicir e o facer nos museos', está dirixido a quen traballa en museos e espazos culturais dentro das áreas de educación, mediación, programas públicos e xestión cultural. Baixo a dirección de Leonardo Casado, a sesión organizarase arredor de catro bloques de reflexión-acción participativa —'Unha palabra trouxome ata aquí', 'De verbos e prácticas', 'Museo das palabras feridas' e 'Glosario situado'—, sendo este último o encargado da elaboración conxunta dun glosario común para o traballo museístico e cultural.

A cita pon o remate presencial á edición 2026 do programa Estratexias de Museoloxía Social (EdMS26), impulsado pola Rede Museística Provincial de Lugo co apoio de SOMUS-ICOM, e dá continuidade ao ciclo de conversas en liña celebrado durante a primavera, que reuniu a 300 persoas de diferentes países de Iberoamérica arredor de cuestións como a saúde, a cultura de paz e o bo vivir.

A data coincide, ademais, co vinte aniversario tanto da Rede Museística Provincial de Lugo como do Pazo de Tor, conmemorado baixo o lema '20 anos tecendo xuntos'.

O aforo é limitado e a participación gratuíta, polo que a organización convida a formalizar a inscrición a través do formulario dispoñible en comunidadermpl.es antes de que comece a xornada.

0.14636397361755