A Rede Museística de Lugo pecha o seu programa formativo de museoloxía social cunha xornada o 30 de setembro no Pazo de Tor

A Rede Museística Provincial de Lugo abriu o prazo de inscrición para unha nova xornada formativa que terá lugar o vindeiro 30 de setembro no Museo Pazo de Tor, en Monforte de Lemos. O encontro, titulado 'O valor das palabras. Ou como crear mundos novos desde o dicir e o facer nos museos', desenvolverase en horario de 11.00 horas a 18.30 horas.
A proposta está pensada especialmente para quen traballa en museos e espazos culturais dentro das áreas de educación, mediación, programas públicos e xestión cultural. Preséntase como un espazo de participación no que as persoas asistentes contarán con ferramentas narrativas, performativas e de escoita activa para compartir experiencias, dúbidas e aprendizaxes ligadas ao traballo cultural contemporáneo.
Baixo a dirección de Leonardo Casado, a sesión organizarase arredor de catro bloques de reflexión-acción participativa: 'Unha palabra trouxome ata aquí', 'De verbos e prácticas', 'Museo das palabras feridas' e 'Glosario situado'. Este último bloque será o remate do encontro, coa elaboración conxunta dun glosario que busca xerar novos significados compartidos e servir de referencia para o traballo museístico e cultural.
A asistencia é gratuíta ata completar o aforo dispoñible, que é limitado, polo que desde a organización recomendan formalizar a inscrición canto antes a través do formulario habilitado na web comunidadermpl.es.
Esta xornada supón o peche presencial da edición 2026 do programa Estratexias de Museoloxía Social (EdMS26), unha iniciativa da Rede Museística Provincial de Lugo desenvolvida co apoio de SOMUS-ICOM, o Comité Internacional para a Museoloxía Social. O encontro dá continuidade ao ciclo de conversas en liña celebrado durante a primavera, que reuniu a 300 persoas de diferentes países de Iberoamérica arredor de cuestións como a saúde, a cultura de paz e o bo vivir.
Ademais, a data coincide co vinte aniversario tanto da Rede Museística Provincial de Lugo como do propio Pazo de Tor. Baixo o lema '20 anos tecendo xuntos', a programación conmemora dúas décadas de traballo compartido, relación co territorio e consolidación dunha rede museística comprometida coa participación, a inclusión e a función social dos museos.