O Concello de Quiroga repara os danos na contorna da Fervenza de Vieiros causados durante o inverno

O Concello de Quiroga vén de acometer traballos de reparación no entorno da Fervenza de Vieiros, un dos enclaves naturais máis coñecidos do Xeoparque Montañas do Courel, co obxectivo de restablecer o acceso e garantir a seguridade do percorrido tras os danos provocados polos temporais do pasado inverno.
As intensas choivas e as enchentes do río Selmo ocasionaron desprendementos en varios puntos dos camiños e afectaron a diferentes estruturas peonís da zona, chegando a comprometer a estabilidade dalgúns elementos do itinerario. Ante esta situación, o Concello actuou unha vez que as condicións meteorolóxicas o permitiron.
Entre os traballos realizados inclúese a reconstrución do piar da ponte situada na parte superior da fervenza, co fin de asegurar a súa estabilidade a longo prazo, así como a reparación do sendeiro de acceso ao enclave. Tamén se procedeu á retirada dunha árbore de grandes dimensións que caera na contorna da poza.
Grazas a estas actuacións, o acceso á Fervenza de Vieiros, situada preto da aldea do mesmo nome e onde o río Selmo cae desde uns 35 metros de altura, queda restablecido, permitindo de novo a visita con condicións de maior seguridade e comodidade.
Desde o consistorio destacan a importancia deste tipo de intervencións para o mantemento e conservación do patrimonio natural municipal, ao tempo que lembran aos visitantes a necesidade de respectar o entorno e extremar as precaucións en períodos de climatoloxía adversa.