O Concello de Quiroga continúa coa renovación da rede de abastecemento de auga na Ribeira

RibeiraSacraXa
O investimento destas obras supera os 48.000 euros e conta cun convenio de colaboración entre o Concello de Quiroga e a Xunta
obras-saneamento-quiroga
6 Jun 2026

O Concello de Quiroga está a executar traballos de mellora na rede municipal de auga potable nun tramo da Travesía da Ribeira, dentro dun proxecto de modernización das infraestruturas de abastecemento do municipio.

As obras afectan a aproximadamente 500 metros de condución, entre o camiño das Estradas e a zona da Ribeira, onde se está a proceder á substitución da tubaxe principal por unha nova canalización de PVC de maior capacidade.

Para a realización destes traballos foi necesario levantar parte da beirarrúa e abrir gabias, que serán posteriormente pechadas e repostas co mesmo pavimento unha vez finalizada a instalación.

O alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, acompañado polo concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente, Luis Manuel Arias, achegouse ata a zona para supervisar o avance das actuacións.

Esta intervención forma parte dun plan municipal iniciado o pasado ano para substituír as antigas tubaxes da rede de abastecemento, co obxectivo de reducir avarías frecuentes e mellorar a calidade do servizo. En actuacións anteriores xa se renovaron tramos na rúa Río Sil e na zona das Barrancas, onde se instalaron materiais máis modernos e eficientes.

O investimento desta obra supera os 48.000 euros e conta cun convenio de colaboración entre o Concello de Quiroga e a Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia.

0.1231210231781