Pereiro de Aguiar avanza cara a unha mobilidade máis segura e accesible cunha nova senda peonil na Derrasa

O Concello do Pereiro de Aguiar impulsará a primeira fase dunha nova senda peonil na Derrasa, unha actuación que permitirá mellorar a conexión a pé nesta zona e dar continuidade ás beirarrúas xa existentes ao longo da estrada OU-536.
O proxecto contempla a creación dun tramo de 370 metros e incorpora diferentes medidas destinadas a reforzar a seguridade viaria e mellorar os servizos urbanos da contorna. Entre elas figura a instalación dun novo paso de peóns acompañado de sinalización luminosa e elementos de protección para incrementar a seguridade das persoas usuarias.
A intervención tamén permitirá actuar sobre as infraestruturas existentes, con melloras nas redes de saneamento e abastecemento, a instalación de sistemas para a recollida de augas pluviais e actuacións destinadas ao soterramento de servizos.
Esta primeira fase contará cun investimento de 384.181,92 euros e un prazo estimado de execución de tres meses.
A actuación está impulsada polo Concello do Pereiro de Aguiar en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia e ten como obxectivo avanzar na creación dun municipio máis seguro, accesible e conectado.