O Concello de Monforte organiza un amplo programa cultural para celebrar as Letras Galegas durante todo o mes de maio

RibeiraSacraXa
A programación inclúe exposicións, teatro escolar, actividades educativas, música e propostas para o público infantil arredor da figura de Begoña Caamaño
letras-galegas-2026
1 May 2026

O Concello de Monforte de Lemos presentou un completo programa de actividades culturais para conmemorar o Día das Letras Galegas 2026, dedicado á escritora e xornalista Begoña Caamaño. As propostas desenvolveranse ao longo de todo o mes de maio e están pensadas para públicos de todas as idades.

O programa comezará o 6 de maio coa apertura da exposición “De Circe a Morgana” na Casa da Cultura Lois Pereiro, unha mostra centrada na traxectoria vital e literaria da autora homenaxeada, que permanecerá aberta ata o día 21.

Entre o 7 e o 19 de maio celebrarase o XXXIII Certame Municipal de Teatro Escolar, no que participarán seis centros educativos do municipio: CEIP A Gándara, CEIP Monforte, Colexio Padre Ferroviario e os institutos A Pinguela, Río Cabe e Daviña Rey. Durante estas xornadas representaranse obras como “Acabouse a guerra”, “Esmoleiros”, “A casa”, “A gatipública”, “O velorio” e “Hoxe hai función”. A entrega de diplomas e gravacións terá lugar o 27 de maio.

O día 13 terá lugar o Correlingua, unha marcha escolar de carácter lúdico e reivindicativo que percorrerá o traxecto entre San Vicente e as Casitas da Compañía para promover o uso do galego entre a mocidade.

O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celebrarase o Festival das Letras Galegas na Casa da Cultura, con actuacións da Asociación Cultural Amigos da Pandeireta de Monforte e da Coral Polifónica do Concello.

A programación continuará o 31 de maio co espectáculo infantil e familiar “As mil e unha”, incluído no programa FalaRedes, que combina narración oral e música.

Ademais, o Concello convoca unha nova edición do Certame de Narración e Debuxo Infantil ‘Letras Galegas 2026’, dirixido a menores de ata 16 anos. O concurso contará con dúas modalidades —relato e debuxo— baixo o lema “Medrar lendo”, e establecerá tres categorías por idade. Os traballos poderán presentarse ata o 21 de maio na Biblioteca Pública, optando a premios en forma de lotes de libros e á participación na fase provincial.

Con este programa, o Concello busca fomentar a participación cidadá, impulsar a creatividade do alumnado e poñer en valor a lingua e a cultura galegas ao longo de todo o mes de maio.

0.14894986152649