O Concello de Monforte levará pleno a modificación da Ordenanza Municipal de Tráfico

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou este mércores que o Goberno local levará ao próximo Pleno municipal a proposta para denominar como “rúa Parque dos Condes” a nova vía peonil construída na coñecida como Zona D, así como a modificación da Ordenanza Municipal de Tráfico para incorporar oficialmente novos viais urbanos executados nos últimos anos.
O rexedor compareceu en rolda de prensa acompañado da tenente de alcalde, Gloria Prada, e do concelleiro de Medio Rural, Obras e Servizos, José Luis Losada. Durante a comparecencia explicou que os traballos da nova rúa peonil “atópanse nun estado moi avanzado de execución e estarán rematadas durante o próximo mes de xullo”.
Segundo indicou, a proposta de denominación segue a mesma liña aplicada polo Executivo local noutras actuacións urbanísticas recentes. “Responde á liña de coherencia” mantida polo Concello á hora de asignar nomes ás novas rúas e espazos da cidade, sinalou Tomé, que lembrou exemplos como as rúas Rof Codina, Roberto Martínez Andrade ou Gardería.
O alcalde explicou tamén que o nome escollido fai referencia á situación da nova vía, paralela ao Parque dos Condes, un dos espazos verdes máis utilizados da cidade. A nova rúa conectará a rúa Cardenal co Paseo do Río Cabe e formará parte dun percorrido peonil e ciclista de arredor de cinco quilómetros entre a zona de Correos e o Asilo San José.
Xunto a esta proposta, o Concello iniciará a tramitación para modificar a Ordenanza Municipal de Tráfico coa finalidade de incorporar á rede viaria municipal diferentes rúas e infraestruturas urbanizadas nos últimos anos.
Entre os viais incluídos atópanse o Paseo do Parque do Hospital, a rúa Rof Codina, a rúa Gardería, a rúa Roberto Martínez Andrade, a futura rúa Parque dos Condes e a nova Ponte do Malecón.
Sobre esta última infraestrutura, José Tomé explicou que permitirá conectar o Paseo do Malecón coa rúa Santa Clara, no punto onde actualmente existe unha pasarela de madeira. A actuación está contemplada dentro da estratexia urbanística do Plan Especial de Protección do Casco Histórico, que prevé a futura peonalización da Ponte Medieval e a reorganización do tráfico na contorna.
O alcalde detallou tamén o procedemento administrativo que seguirá a modificación da ordenanza. A consulta pública previa permanecerá en exposición durante 30 días hábiles e, posteriormente, o texto deberá pasar polos correspondentes trámites de aprobación inicial, exposición pública, resolución de alegacións e aprobación definitiva antes da súa entrada en vigor.
Segundo resumiu o rexedor, o obxectivo desta modificación é “regularizar as novas dotacións viarias” derivadas das actuacións urbanísticas desenvolvidas nos últimos anos no municipio.