O Concello de Monforte investirá máis dun millón de euros na mellora de infraestruturas

O Concello de Monforte vai investir máis de 1 millón de euros, en concreto 1.059.733,23 euros, nun novo plan de mellora de infraestruturas viarias que abrangue tanto a zona urbana como distintas parroquias do municipio. Así o anunciou o Alcalde, José Tomé Roca, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado pola Tenente Alcalde, Gloria Prada, e polo Concelleiro de Medio Rural, Obras e Servizos, José Luis Losada.
O rexedor destacou que esta actuación responde ao compromiso do goberno local de “manter en bo estado todas as rúas, de todos os barrios e tamén das parroquias”, subliñando a importancia de garantir boas comunicacións e seguridade viaria en todo o termo municipal. Segundo afirmou, trátase dun investimento relevante para seguir mellorando tanto as principais vías da cidade como as conexións das parroquias.
No ámbito urbano, o investimento será de 574.958,96 euros e permitirá actuar en varias rúas consideradas estratéxicas. Na Avenida de Galicia e na rúa Chantada levarase a cabo unha renovación integral do firme, desde o cruce da rúa Cardenal ata a rotonda do Hórreo, eliminando antigos remendos “suprimindo os remendos que fixo a Xunta de Galicia”, e incorporando nova sinalización horizontal e vertical. Este proxecto sairá a licitación esta mesma semana cun orzamento de 174.279 euros.
Tamén se intervirá na rúa Vigo, xa licitada, onde se renovará o firme desde a estrada da Vide ata o barrio do Casar, incluíndo reparacións por cortes derivados de obras ou avarías e unha nova sinalización. O investimento ascende a 122.734,67 euros. O Alcalde salientou que esta actuación “vai permitir unha boa urbanización do barrio do Casar”.
Na rúa Pintor Luis Seoane actuarase no seu tramo inicial para nivelar o firme e evitar problemas de escorrentías, “rebaixando todo o firme actual para que a cota do no novo firme quede á mesma altura, evitando así que as augas pluviais entren nos edificios”, ademais de dotala de sinalización completa. O proxecto conta cun orzamento de 11.214,05 euros.
Na rúa Calvo Sotelo realizarase unha mellora do firme e da sinalización nunha das principais vías de conexión do barrio da Estación, mantendo os redutores de velocidade. O Alcalde indicou que “procederase á nova sinalización, completando o arranxo de todas as rúas que comunican o barrio da Estación con calquera outra zona da cidade”, e destacou que “é a primeira vez que o barrio da Estación ten case todas as rúas arranxadas”. O investimento é de 182.735,41 euros.
Na zona de Montepando-Bouza Brey acondicionarase unha pista que conecta varios puntos mediante un trazado en forma de Z ata a rúa Reboredo, incluíndo dous ramais adicionais. A intervención, que incluirá aglomerado en quente e sinalización, permitirá deixar “arranxadas todas as pistas da zona”, cun orzamento de 73.995,83 euros.
No rural, o investimento total ascende a 484.784,27 euros, con actuacións repartidas en catro parroquias. En Piñeira acometeranse varias melloras viarias, entre elas a conexión entre a estrada de Sober e o Polígono do Reboredo, así como o arranxo de dúas pistas no lugar de O Bosque, cun investimento global que supera os 281.000 euros.
En Ribasaltas actuarase nas pistas da marxe dereita da estrada Monforte-Lugo cun orzamento de 111.231,98 euros. En Marcelle melloraranse varias conexións interiores mediante rego asfáltico, cun investimento de 48.370,71 euros. E en San Julián de Tor intervirase na pista Eirexe-Outeiro, incluíndo tamén melloras nun tramo de muro, cun orzamento de 43.585,66 euros.
En conxunto, o plan permitirá renovar unha parte importante da rede viaria municipal. Segundo destacou o Alcalde, “vai permitir seguir mellorando tanto as parroquias como rúas principais da cidade, reforzando a seguridade vial e as comunicacións e, en definitiva, mellorando a calidade de vida da veciñanza”. Engadiu ademais que algúns dos proxectos saírán a licitación de inmediato e outros nos próximos días.