O Concello de Monforte destina 15.000 euros en axudas para asociacións culturais, lúdicas, recreativas e formativas

RibeiraSacraXa
A convocatoria contempla subvencións de ata 1.000 euros por entidade para apoiar actividades sen ánimo de lucro que se desenvolvan durante o exercicio 2026
casa-concello-monforte
15 Jun 2026

O Concello de Monforte de Lemos aprobou este luns as bases reguladoras dunha nova convocatoria de subvencións destinada a asociacións culturais, lúdicas, recreativas e formativas inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións. O obxectivo desta iniciativa é apoiar a realización de actividades ao longo do exercicio 2026 mediante unha partida global de 15.000 euros.

A aprobación produciuse na sesión da Xunta de Goberno Local celebrada o 15 de xuño. Unha vez que o extracto da convocatoria sexa publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP), as entidades interesadas poderán presentar as súas solicitudes a través da Sede Electrónica municipal durante un prazo de 15 días hábiles a contar desde o día seguinte á publicación.

Segundo recollen as bases, estas axudas están dirixidas a entidades e asociacións sen ánimo de lucro do municipio que desenvolvan actividades de carácter cultural, lúdico, recreativo ou formativo e que estean inscritas no rexistro municipal correspondente.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, destacou que a finalidade desta convocatoria “é fomentar que as asociacións culturais e lúdicas poidan desenvolver actividades de interese e potenciar deste xeito as iniciativas que poidan xurdir dende os distintos ámbitos da sociedade que teñan como fin difundir, promover, conservar e impulsar manifestacións culturais de todo tipo”.

As subvencións concederanse en réxime de concorrencia competitiva e estarán destinadas ao financiamento de programas, proxectos e actividades promovidos por entidades sen ánimo de lucro dentro do termo municipal de Monforte de Lemos durante o ano 2026.

As bases establecen que o importe máximo de cada axuda será de 1.000 euros e que, en ningún caso, poderá superar o 70% do custo subvencionable da actividade presentada. Ademais, as subvencións terán carácter único e non acumulativo, sen que poidan exceder o custo total da actividade desenvolvida pola entidade beneficiaria.

Entre os gastos excluídos figuran os relacionados coa reforma ou acondicionamento de locais, a adquisición de vestiario, as actividades con ánimo de lucro e calquera outro gasto alleo ao proxecto presentado. Tamén quedan fóra desta convocatoria as festas patronais, as actividades deportivas, as comidas e os eventos de carácter relixioso.

Poderán optar ás axudas as asociacións legalmente constituídas que desenvolvan actividades de interese xeral para o municipio, xa sexan de carácter cultural, veciñal, popular, profesional, lúdico ou recreativo, e que conten con domicilio social, sede ou representación en Monforte de Lemos.

As entidades deberán carecer de ánimo de lucro, estar inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións no momento da solicitude e atoparse ao corrente das súas obrigas co Concello, coa Axencia Tributaria, coa administración autonómica e coa Seguridade Social. Tamén deberán non estar incursas en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiarias de subvencións públicas e ter debidamente xustificadas as axudas municipais recibidas en convocatorias anteriores.

Quedan excluídas da convocatoria as asociacións e entidades deportivas, así como aquelas entidades de iniciativa social autorizadas para a prestación de servizos sociais no ámbito da inclusión social. Tampouco poderán acceder a estas axudas as entidades que reciban durante o exercicio subvencións nominativas do Concello para as mesmas actividades.

As solicitudes deberán presentarse acompañadas da documentación establecida nas bases da convocatoria, que será publicada xunto cos formularios na páxina web municipal.

Entre os documentos requiridos figuran a solicitude oficial, a identificación da persoa representante da entidade, unha memoria detallada do programa de actividades previsto para 2026, o orzamento de ingresos e gastos, os datos bancarios para o pagamento da subvención e diversas declaracións responsables relativas ás axudas solicitadas para a mesma finalidade e ao cumprimento das obrigas legais e tributarias.

A memoria deberá incluír información detallada sobre as actividades previstas, indicando datas, lugares de realización, responsables do seu desenvolvemento, obxectivos e destino dos fondos solicitados. Pola súa banda, o orzamento deberá recoller tanto os gastos previstos como as posibles axudas solicitadas ou concedidas por outras administracións ou entidades públicas e privadas.

0.13709807395935