O Concello de Chantada recibe resposta da distribuidora eléctrica polos cortes de luz de xuño

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
A empresa atribúe os cortes a tormentas e avarías alleas á rede e defende o cumprimento dos estándares de calidade esixidos
alcalde_chantada
31 Aug 2026

O Concello de Chantada recibiu xa a resposta do grupo Naturgy á reclamación que presentara tras os sucesivos cortes de subministración eléctrica rexistrados no municipio ao longo do mes de xuño. Os apagóns afectaron á vila e ás parroquias veciñas na tarde e madrugada do 11 e 12 de xuño, e de novo na tarde e madrugada do 14 e 15 dese mes, o que motivou que a Alcaldía solicitase formalmente á compañía unha explicación detallada do ocorrido.

Segundo o informe remitido por UFD (Unión Fenosa Distribución), responsable do transporte da enerxía no municipio, o primeiro dos incidentes tivo lugar o 11 de xuño ás 21.23 horas, cunha duración de case catro horas, e a súa orixe estivo na liña de media tensión que dá servizo a Chantada. A causa, segundo a empresa, foi a actuación automática dos sistemas de protección ante a caída dun raio, un mecanismo deseñado para preservar a seguridade das persoas e das instalacións. O corte chegou a afectar a preto de vinte e sete centros de transformación, dos que dependen máis de 3.600 puntos de subministración repartidos entre Chantada, Lamarín, Santa Mariña e Chouso.

Días despois, o 14 de xuño pola noite, produciuse unha segunda incidencia relevante na mesma liña, cunha duración superior á anterior, xa que a zona afectada estaba illada por outra avaría motivada por traballos alleos á distribuidora. A compañía sostén que en ambos episodios a súa actuación se axustou aos protocolos e prazos esixibles tendo en conta o tipo de avaría e os traballos realizados en horario nocturno.

No seu escrito, a empresa detalla ademais o investimento realizado no municipio entre 2022 e 2025, que sitúa preto dos 4,8 millóns de euros na rede de alta tensión e por riba do millón de euros na de media tensión, ademais de máis de 600.000 euros destinados a labores de mantemento. Con estes datos, a distribuidora conclúe que os cortes de xuño foron episodios puntuais, motivados por causas alleas á súa rede, e defende o cumprimento dos estándares de calidade esixidos pola normativa.

Esta resposta chega, ademais, despois de que tanto o BNG coma a formación Por Chantada reclamasen explicacións sobre o sucedido. O BNG levou o asunto ao Parlamento de Galicia, onde reclamou á Xunta a apertura dunha investigación e a elaboración dun informe técnico independente sobre o estado da rede, ademais de esixir garantías para que veciños, comerciantes e empresas poidan acceder de forma efectiva a indemnizacións polos danos sufridos.

Pola súa banda, a formación Por Chantada – Interior Galego Vivo denunciou o que consideraba un silencio prolongado tanto por parte do Concello coma da Xunta ante os escritos que presentara semanas despois dos apagóns, nos que solicitaba coñecer con detalle as causas dos cortes, as medidas previstas para evitalos no futuro e o historial de incidencias da liña afectada nos últimos anos.

Desde o Concello de Chantada valorouse positivamente a resposta recibida, aínda que se sinala que se agardaba unha contestación máis áxil ás demandas trasladadas xa o 15 de xuño.

0.15039706230164