Por Chantada denuncia silencio institucional tras os apagóns de xuño e pide respostas á Xunta e ao Concello

RibeiraSacraXa
A formación reclama coñecer as causas dos cortes eléctricos que afectaron a miles de veciños e veciñas, así como os investimentos feitos e previstos na rede de distribución
chantada_recurso
12 Aug 2026

A formación Por Chantada – Interior Galego Vivo denuncia que, meses despois dos importantes cortes de luz rexistrados en Chantada os días 11, 12, 14 e 15 de xuño, nin o Concello nin a Xunta de Galicia responderon ás solicitudes formais presentadas pola organización política.

Segundo explica a formación, non se trata dunha simple queixa, senón de dous escritos con peticións concretas dirixidos ás administracións con competencias na materia. Ao Concello de Chantada solicitóuselle que reclamase á empresa distribuidora información detallada sobre as causas das avarías, a duración dos cortes, as zonas e persoas afectadas, así como as medidas para evitar que a situación se repita. Tamén pediu que o goberno local informase á veciñanza sobre os seus dereitos ante este tipo de incidencias e que puxese a disposición das persoas afectadas asesoramento municipal. A isto engadiu a petición de que se avaliasen posibles danos en instalacións e servizos públicos municipais e que, de haber prexuízos, se reclamase a correspondente reparación.

No escrito remitido á Xunta, Por Chantada pediu a apertura dun expediente informativo ou dunha actuación inspectora para esclarecer o que ocorreu, así como que se requirise á empresa distribuidora un informe técnico sobre as avarías, as reparacións levadas a cabo e os investimentos e o mantemento previstos para a zona. Ademais, solicitou comprobar se se cumpren os índices legais de calidade e continuidade do servizo e coñecer os datos de continuidade do fornecemento e as incidencias rexistradas na mesma liña eléctrica ao longo dos últimos cinco anos.

O voceiro da formación, Antom Fente, sinala que a súa demanda non busca posicionamentos políticos, senón coñecer con detalle o que sucedeu e se a rede eléctrica que dá servizo ao municipio se atopa en condicións axeitadas.

De acordo coa información achegada pola propia formación á Xunta, os cortes de xuño afectaron a preto de 3.600 persoas abonadas, con interrupcións de varias horas ao longo da semana que, sumadas, superaron as nove horas para os mesmos sectores da poboación. As incidencias tiveron repercusión en vivendas, actividades económicas, servizos públicos e telecomunicacións, entre outros ámbitos.

Para Por Chantada, resulta preocupante que, transcorrido este tempo, non se coñeza publicamente ningunha investigación sobre o ocorrido nin as medidas que se van adoptar para evitar situacións similares no futuro. Fente insistiu en que, sexa cal sexa a orixe do problema —unha avaría puntual, deficiencias estruturais ou falta de investimento—, as administracións deberían explicalo e actuar en consecuencia.

A formación lembra tamén que corresponde á Xunta de Galicia a supervisión e o control das instalacións eléctricas, así como a vixilancia do cumprimento por parte das distribuidoras das súas obrigas en materia de calidade e continuidade do servizo.

Por Chantada reafirma o seu compromiso de seguir reclamando información sobre o sucedido e as responsabilidades correspondentes, defendendo o dereito da veciñanza a coñecer as causas dos cortes e as garantías de cara ao futuro.

0.12557101249695