O BNG de Chantada pide explicacións no Parlamento polos cortes de subministración eléctrica no municipio

O BNG de Chantada vén de rexistrar no Parlamento de Galicia unha serie de iniciativas co obxectivo de reclamar explicacións á Xunta e á empresa subministradora polos cortes de luz rexistrados recentemente no municipio.
Segundo explica a formación, en menos dunha semana producíronse dous cortes totais no subministro eléctrico que deixaron Chantada sen servizo durante máis de dez horas acumuladas. Estes episodios, engaden, estarían provocados por avarías na mesma liña de media tensión que dá servizo á vila e que afecta aos mesmos usuarios, segundo información atribuída á compañía distribuidora.
O candidato do BNG á alcaldía de Chantada e deputado autonómico, Iago Suárez, sinala que as interrupcións reiteradas na subministración teñen consecuencias especialmente negativas para as familias, o comercio e o tecido produtivo local, e destaca que a veciñanza sufriu dous apagóns de gran intensidade nun intervalo moi curto de tempo.
Xunto a el, o portavoz de enerxía e minas do grupo nacionalista, Xosé Manuel Golpe, participa tamén na iniciativa parlamentaria, coa que se solicita que a Xunta de Galicia abra unha investigación sobre o ocorrido e elabore un informe técnico detallado sobre as incidencias rexistradas na liña de media tensión e nos transformadores afectados.
O BNG pide ademais que se esclarezan as causas das avarías e que se determinen, se procede, responsabilidades derivadas dun posible deficiente mantemento da rede eléctrica.
Outra das peticións formuladas pola formación pasa por garantir que as persoas consumidoras, así como os establecementos comerciais e as empresas de Chantada, poidan acceder de forma efectiva, áxil e xusta ás compensacións e indemnizacións polos danos ocasionados polos apagóns.
Iago Suárez reclama tamén que a Administración competente en materia de industria e enerxía exerza as súas funcións de inspección, control e sanción, co fin de asegurar que as compañías distribuidoras cumpran cos estándares de calidade establecidos e realicen as inversións necesarias para corrixir posibles deficiencias estruturais na rede eléctrica do municipio.