O Concello da Pobra do Brollón defende o seu apoio ao Entroido de Salcedo ante as acusacións do PP

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
O Concello lembra que financiou excursións divulgativas, a ambulancia durante a saída do Oso e publicidade en medios, entre outras axudas á festa
Entroido de Salcedo A Pobra do Brollón
Foto: Concello A Pobra do Brollón
28 Oct 2026

O Concello da Pobra do Brollón saíu ao paso das críticas verquidas polo Partido Popular arredor do respaldo institucional que recibe o Entroido de Salcedo, unha das manifestacións de entroido máis singulares do patrimonio inmaterial do municipio. O equipo de goberno local quixo deixar constancia do seu compromiso con esta celebración, considerada unha das máis antigas de Galicia polo seu arraigo e orixinalidade.

Segundo explicou o goberno municipal, a corporación atende habitualmente, dentro das súas posibilidades, as peticións de colaboración que traslada a comisión organizadora da festa salcedá. Neste sentido, enumerou varios exemplos de apoio prestado nos últimos anos: achegas económicas destinadas a excursións divulgativas sobre o Entroido, a contratación dunha ambulancia durante a saída do Oso, o subministro dun xerador eléctrico para as celebracións e partidas para publicidade en medios de comunicación.

O Concello sinalou que esta aclaración responde ás acusacións difundidas nas redes sociais polo Partido Popular, nas que a formación, afirma, falaba de sectarismo e discriminación cara ao Entroido de Salcedo. Cómpre lembrar que, días antes, o Grupo Provincial Popular anunciara que levará ao vindeiro pleno ordinario de outubro unha proposta para que a Deputación de Lugo colabore economicamente con esta celebración, ao considerar que, pese ao seu recoñecido valor patrimonial, leva varios anos sen recibir respaldo económico por parte da Deputación.

Fronte a esas críticas, o goberno local puxo en valor os elementos que conforman o Entroido de Salcedo, entre eles o Oso, as Madamas e Danzantes, os disfraces de campo e o teatro popular, aos que define como pezas únicas dunha notable riqueza cultural e etnográfica. O Concello reiterou a súa intención de seguir traballando na defensa deste patrimonio e amosou o seu respaldo ao esforzo que, ano tras ano, manteñen os veciños de Salcedo e Guímaro para conservar viva a tradición.

0.15471601486206