O PP reclama axuda económica para o Entroido de Salcedo da Pobra do Brollón

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
O grupo provincial defende que esta celebración, considerada unha das máis ancestrais de Galicia, leva varios anos sen recibir apoio económico malia o seu recoñecido valor patrimonial
PP A Pobra do Brollón
26 Oct 2026

O Grupo Provincial Popular levará ao vindeiro pleno ordinario de outubro unha proposta para que a Deputación de Lugo colabore economicamente co Entroido de Salcedo, unha festa tradicional moi consolidada nesta parroquia da Pobra do Brollón e considerada unha das celebracións de entroido máis antigas de Galicia.

O voceiro provincial do PP, Antonio Ameijide, deu a coñecer esta iniciativa tras un encontro co voceiro popular na Pobra do Brollón, Teddy López, no que tamén estivo presente o deputado provincial Luis Fernández Guitián.

Segundo explicou Ameijide, a institución provincial mantén distintas vías de colaboración cultural co concello, pero resulta chamativo que quede á marxe precisamente o Entroido de Salcedo, que ao seu xuízo podería considerarse a festa máis representativa da localidade. O dirixente popular subliñou que esta celebración non conta con respaldo económico da Deputación dende hai varios anos.

Ameijide puxo o acento en que a propia páxina web de turismo da Deputación de Lugo cualifica esta manifestación do entroido lucense como unha expresión única en toda Galicia, un recoñecemento que, sinalou, contrasta coa ausencia de axudas para sosterlo.

A festa é especialmente coñecida pola súa figura central, o Oso de Salcedo, que percorre as rúas cada luns de entroido acompañado dos seus chamados “criados”. Ademais deste personaxe emblemático, o Entroido de Salcedo reúne outras actividades impulsadas pola Asociación Veciñal de Salcedo, entre elas as Madamas e Danzantes, os Disfraces de Campo, e distintas funcións de teatro e música.

Con estes argumentos, os deputados populares solicitan ao goberno provincial que valore conceder unha axuda extraordinaria destinada a manter esta celebración, así como outras festividades e actividades culturais arraigadas e singulares do territorio lucense.

0.16084384918213