O BNG da Pobra de Trives critica a falta de plenos ordinarios no Concello

O BNG da Pobra de Trives denunciou que o Concello acumula arredor dun ano sen convocar sesións plenarias ordinarias, unha situación que consideran contraria á normativa de funcionamento das entidades locais.
Segundo sinala a formación nacionalista, este feito podería supoñer un incumprimento do Real Decreto 2568/1986, que regula a organización e o réxime xurídico das administracións locais, así como do acordo adoptado no pleno de inicio de mandato no que se fixaba a periodicidade das sesións.
Desde o BNG cualifican a situación de “enorme gravidade” ao entender que “coarta a pluralidade democrática e impide o normal funcionamento da institución”.
A formación tamén fai referencia á situación derivada da dimisión do antigo tenente de alcaldesa e do portavoz municipal do PP, apuntando que non se terían realizado as designacións necesarias para cubrir estas vacantes. Ao seu xuízo, isto podería estar a provocar novas irregularidades administrativas.
O BNG considera que a ausencia de convocatorias plenarias supón unha vulneración do artigo 23.1 da Constitución, ao limitar o dereito de participación nos asuntos públicos tanto dos membros da corporación como das persoas chamadas a substituír aos cargos dimitidos. Neste sentido, denuncian que se impide o exercicio das funcións de control, fiscalización e iniciativa política dos edís.
Ante esta situación, a formación nacionalista solicita que se reactive de maneira inmediata o calendario de sesións plenarias conforme ao acordado ao inicio do mandato e que se tramiten as substitucións pendentes dos cargos que quedaron vacantes tras as dimisións producidas hai aproximadamente un ano.