Monforte de Lemos licitará por primeira vez un Plan Xeral de Ordenación Municipal

O Concello de Monforte de Lemos dará un paso decisivo no seu planeamento urbanístico o vindeiro 26 de outubro, data na que o pleno municipal debaterá a aprobación do procedemento de licitación para contratar a redacción do primeiro Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) da historia do municipio. Así o anunciou esta mañá, en rolda de prensa, o alcalde de Monforte, José Tomé Roca.
Segundo explicou o rexedor, os pregos técnicos e administrativos que regularán o concurso xa están redactados, tras o traballo desenvolvido nos últimos meses polos técnicos municipais de Urbanismo e polo Servizo de Contratación. O importe total previsto para a elaboración do documento, ata a súa aprobación definitiva, ascende a 859.100 euros, IVE incluído (un orzamento base de 710.000 euros máis 149.100 euros de IVE). A adxudicación realizarase mediante concurso público aberto.
José Tomé cualificou a iniciativa como “o documento máis importante para o Concello de Monforte de Lemos dende hai máis de 40 anos” e sinalou que a súa posta en marcha responde a un compromiso incluído no programa electoral do actual goberno local, centrado en impulsar as xestións necesarias para poder contratar a redacción do PXOM en canto se desen as condicións axeitadas.
Unha limitación superada
O alcalde lembrou que a redacción deste documento estivo condicionada durante anos polas limitacións relativas a zonas inundables recollidas no Plan Hidrolóxico Nacional aprobado en 2016. Segundo indicou, dende o Concello realizáronse xestións para flexibilizar esas condicións, que finalmente foron tidas en conta no Plan Hidrolóxico Nacional actualmente vixente, o que permite agora retomar a tramitación do documento urbanístico. Neste sentido, lembrou que Monforte segue rexéndose polas Normas Subsidiarias de Planeamento aprobadas en 1985.
Dous intentos fracasados nas últimas décadas
Monforte xa intentara en dúas ocasións anteriores dotarse dun PXOM, sen éxito en ningunha delas. O primeiro proceso contratouse en 2003, durante o mandato do entón alcalde Nazario Pin Fernández, e quedou paralizado en 2006 sen chegar á fase de exposición pública. O segundo puxose en marcha en 2008, baixo o mandato de Severino Rodríguez Díaz, e foi retirado en 2013, cando se atopaba en fase de alegacións.
Segundo os datos achegados polo alcalde, o custo conxunto destes dous intentos frustrados ascendeu a 502.353,50 euros, unha cantidade que, nas súas palabras, “supuxo unha perda de diñeiro público e un prexuízo para os cidadáns”. Tomé defendeu que, nesta ocasión, o proceso chegará a bo porto: “Os monfortinos e monfortinas teñen que saber que esta vez si que chegaremos ata o final, como facemos sempre, tendo en conta que prima o interese xeral por enriba do lexítimo interese particular, escoitando todas as aportacións que se poidan facer. E tendo en conta tamén as alegacións que, no seu caso, presenten os veciños e veciñas”.
150.000 euros para a primeira anualidade
O rexedor explicou que na incorporación de remanentes aprobada no pleno do pasado 30 de marzo se incluíu unha partida de 150.000 euros destinada a financiar a primeira anualidade dos traballos de redacción do PXOM.
Seis fases e un horizonte de ata seis anos
Os traballos de elaboración do Plan Xeral estruturaranse en seis fases, cunha duración total estimada de 60 meses, é dicir, cinco anos. A este prazo haberá que engadir o tempo que as distintas administracións competentes necesiten para emitir os preceptivos informes sectoriais, un período que, segundo o alcalde, pode oscilar entre 8 e 24 meses, cunha media aproximada de 15 meses. Isto situaría a conclusión do proceso arredor de finais de 2032, é dicir, algo máis de seis anos en total.
As seis fases previstas son as seguintes:
- Fase 1. Elaboración da cartografía necesaria para o planeamento de todo o territorio municipal, tanto das áreas rurais como das urbanizadas: seis meses, cun importe de 90.000 euros sen IVE.
- Fase 2. Borrador e Documento Inicial Estratéxico (DIE): doce meses, cun importe de 155.000 euros sen IVE.
- Fase 3. Documento para a aprobación inicial: doce meses, cun importe de 155.000 euros sen IVE.
- Fase 4. Estudo Ambiental Estratéxico (EAE) e proposta do Plan: dezaoito meses, cun importe de 155.000 euros sen IVE.
- Fase 5. Documento para a aprobación provisional: seis meses, cun importe de 46.500 euros sen IVE.
- Fase 6. Documento para a aprobación definitiva: doce meses, cun importe de 108.500 euros sen IVE.
Segundo o Concello, este calendario e os importes previstos permitirán desenvolver progresivamente os traballos, dende a preparación da cartografía ata a elaboración da documentación necesaria para a aprobación definitiva do Plan.
Os obxectivos do futuro PXOM
O alcalde destacou que o novo Plan Xeral será unha ferramenta esencial para adaptar o planeamento urbanístico de Monforte á legalidade vixente e á evolución que experimentou o municipio nas últimas décadas. Entre os principais obxectivos do documento citou: adecuar as actuais normas urbanísticas á legalidade vixente; recoller no Plan a evolución da cidade e do medio rural ao longo de case 50 anos; deseñar a cidade e os núcleos rurais do futuro; proxectar un crecemento harmonizado de Monforte; e ordenar o potencial industrial do municipio para seguir medrando en poboación e no ámbito social e económico.
José Tomé insistiu en que o PXOM debe ofrecer unha visión global do municipio e establecer un marco de planificación que compatibilice o desenvolvemento urbano, a protección e ordenación do territorio, e as necesidades da veciñanza.
A colaboración cidadá, clave no proceso
O alcalde subliñou que a elaboración do Plan Xeral requirirá a participación e colaboración dos veciños e veciñas de Monforte, “poñendo o interese xeral por enriba dos lexítimos intereses particulares”, así como das distintas administracións públicas que deberán emitir os informes sectoriais correspondentes ao longo da tramitación.
Para rematar, o rexedor sinalou que a aprobación da licitación supón “un paso decisivo” para iniciar a elaboración deste instrumento de planificación municipal “e avanzar cara a unha ordenación urbanística actualizada, adaptada á realidade presente e preparada para afrontar os retos futuros”.